A Xunta e un grupo de empresas crean unha sociedade para abaratar custos de enerxía
A Xunta e un grupo de empresas crean unha sociedade para abaratar custos de enerxía
A sociedade mixta chámase Recursos de Galicia
As empresas integrantes achegan ao PIB da comunidade máis de 10.500 millóns
A Xunta participará a sociedade nun 30 %
A Xunta e un grupo de empresas que achegan ao PIB da comunidade máis de 10.500 millóns de euros asinaron este luns a constitución de Recursos de Galicia, unha sociedade mixta para xestionar proxectos enerxéticos baseados en recursos naturais cuxos beneficios redunden no territorio, abaraten os custos e contribúan á descarbonización.
Esta sociedade mixta, da que a Xunta ten o 30 %, aspira a ter un capital de 100 millóns de euros nos próximos cinco anos e entre outras empresas participan Abanca e Gadisa. Esta sociedade nace como un dos instrumentos facilitadores para conseguir os obxectivos da futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, actualmente en tramitación.
Segundo explicaron na presentación da sociedade, Recursos de Galicia aposta por que o desenvolvemento enerxético de Galicia sexa equitativo e redunde no progreso da comunidade e do seu tecido económico, isto é, "que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais queden no territorio", como indicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Rueda presidiu a firma da constitución da nova sociedade, acompañado polos conselleiros de Economía; de Facenda e de Medio Rural. Na súa intervención, o presidente da Xunta destacou que esta idea é a cristalización do traballo desenvolvido polo comité de expertos e pola sociedade Impulsa durante a pandemia. Para Rueda, esta sociedade supón "unha oportunidade única" para que Galicia poida destacar na transición enerxética, un dos principais retos do século XXI, dixo, e que de paso non só haxa beneficios económicos, senón tamén sociais.
"Temos un enorme potencial para ser un actor de primeiro nivel na transición enerxética, non só en España, senón en Europa", afirmou Rueda, que agradeceu "a confianza" destas empresas privadas que se sumaron ao proxecto na administración autonómica "para ir da man, innovar e arriscar xuntos".
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, sinalou que para a súa entidade é "un privilexio" participar nesta sociedade, unha empresa "necesaria" para desenvolver a Axenda Enerxética de Galicia 2030 e para contribuír á descarbonización da economía galega.
No acto tamén interviñeron Rebeca Acebrón, en representación das pemes, e Víctor Nogueira, do Grupo Nogar, polas industrias. Os primeiros proxectos nos que comezará a traballar a nova sociedade pasan por un mix de recursos, comezando por eólicos, pero tamén mineiros.
"Enseguida se verán beneficios tanto na factura da luz como nas industrias electrointensivas, que diminuirán aos poucos o custo enerxético", comprometeu a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana.
Ademais da Xunta, Abanca e Gadisa, na nova empresa participan unha sociedade vehículo de Megasa e Finsa; outra de Copasa, Valtalia e Gesuga; outra máis do Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Conservas Rianxeira-Jealsa, Profand e Grupo Revi. Tamén figuran no accionariado inicial Exlabesa; Ence Terra; ARP Global; Ain Active; Viúva de Severiano Castro e Hijos, así como unha sociedade vehículo do Grupo Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Enerxía Empresas, Eroxona, Sertogal e Twinleads, todos socios de Cluergal. Wind1000; Epifanio Campo; Aceites Abril e Megaro Foods pechan os accionistas que asinaron este luns a constitución da nova sociedade.