Abel Caballero inaugura o acendido das luces de Nadal de Vigo

Máis de 8.000 persoas acudiron ao acto de acendido da iluminación

O Concello de Vigo destinou 9,5 millóns de euros para as luces das rúas

G24.gal 24/11/2023 20:53

Máis de 8.000 persoas reunidas no epicentro de Vigo viron como a estrela de 19 metros de diámetro que coroa a árbore de Nadal alumeou este venres o camiño cara a estas festas. Malia o acto inaugural, aínda quedan algunhas rúas escuras que esperan ao acceso destas festas nas que a cidade olívica é todo un referente.

Na Porta do Sol, coroada pola árbore de 44 metros de altura, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, encargouse de acender as luces e dar así "inicio ao Nadal no planeta", como el mesmo dixo.

O edil vigués fixo aparición un minuto despois das 20:00 horas, como tiña programado comezar, anunciando que todo o planeta estaba a ver o acto inaugural.

"Quero dicirlle ao alcalde Nova York que se prepare porque vai ver o resplandor das luces de Vigo", asegurou antes de mandar unha mensaxe a outras cidades que queren competir coa cidade olívica. "Nisto, como en fútbol, baloncesto e tantos deportes, hai ligas. Na Superliga de Nadal están Vigo, Nova York, Londres, París e Roma".

Tamén quixo presumir da "mellor árbore que houbo nunca no planeta", que presentaba unha gran novidade este ano. "Aquí arriba está a estrela de Belén que hai 2023 anos empezou a rotar polo universo. Localizamos a estrela, collémola e hoxe a estrela de Belén está encima da árbore de Vigo", explicou Caballero.

Tras unha conta atrás en inglés, español e galego, o edil pulsou o botón vermello que deu comezo ao Nadal, cando menos, na cidade de Vigo.

Acudiron milleiros de persoas 

Máis de 8.000 persoas acudiron á cita inaugural da iluminación da cidade de Vigo. Sonia e a súa filla Aitana agardaban en primeira fila. Veñen todos os anos, e con chegar dúas horas antes, foron capaces de colocarse en primeira liña. "A conta atrás e a neve o que máis me gusta", conta a nai.

Aurora, de 9 anos, estaba ilusionada. Os seus pais relataron o problema dunha longa espera con nenos, é que non se pode ir ao baño e hai que chegar con provisións. Anótano para o ano que vén.

Raúl vestiuse de Papá Noel, tamén en primeira liña. Tamén houbo quen aproveitou o acto para reivindicarse, como os bombeiros, que regalaron globos nos que escribiron as súas queixas "Vigo sen bombeiros".

Soaron algunhas das melodías máis coñecidas pola cidadanía, como o 'Happy Christmas', de John Lennon ou 'All I want for Christmas is you', de Mariah Carey. Ao acto tamén acudiu como invitado o candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.

Traballos de preparación

Os preparativos continuaron ata o último momento e mesmo a estrela foi colocada esta mesmo venres. Aínda que xa se pode respirar o espírito do Nadal, aínda quedan rúas ás escuras, á espera da iluminación.

O Cíes Market, un mercado con postos de comida e tendas, abriu as súas portas a tempo, tras verse ameazado por uns problemas coas licenzas das máquinas da súa montaxe. Unha vez todo quede instalado, haberá 11,5 millóns de luces led por 450 rúas da cidade olívica.

Máis de 6.000 estruturas luminosas e decorativas, 4.000 arcos e motivos, 56 elementos de gran tamaño e máis de 2.000 árbores con ornamentación repartidas por Vigo.

Mobilidade, retransmisión e horarios

O Concello dispuxo un plan especial de tráfico e mobilidade e tamén houbo un amplo dispositivo de seguridade. Estableceuse un perímetro valado con ocupación máxima de 8.000 persoas na contorna da Porta do Sol, e moitas tiveron que quedar fora.

O acto de aceso do alumeado tamén se puido seguir a través dunha pantalla xigante e na web municipal, unha retransmisión que contou con intelixencia artificial para a tradución simultánea do contido en tres idiomas, inglés, francés e portugués.

As luces de Nadal estará acendidas ata mediados de xaneiro. Este ano e os tres seguintes, Vigo destinará á iluminación destas datas especiais case 9,5 millóns de euros.

O acendido diario das luces será ás 18:30 horas, e apagaranse ás 0:30 horas, de domingo a mércores. De xoves a sábado e os festivos e as súas vésperas, estarán en funcionamento ata as 2:00 horas. As noites do 23, 24, 25, 30 e 31 de decembro, así como o 1, 5 e 6 de xaneiro, permanecerán acendidas ata o amencer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar