António Costa considera que disolver a Asemblea da República foi "irracional e innecesario"

Acusou o presidente portugués, Marcelo Rebelo de Sousa, de desencadear unha "crise política irresponsable" ao convocar eleccións 

Advertiulle ao Partido Social Demócrata que, de acadar un acordo coa ultradereita, non terían condicións de gobernabilidade. 

Antonio Costa, primeiro ministro de Portugal, dimitiu o 7 de novembro Antonio Costa, primeiro ministro de Portugal, dimitiu o 7 de novembro
G24.gal 18/11/2023 19:00 Última actualización 18/11/2023 19:41

O primeiro ministro de Portugal, o socialista António Costa, que dimitiu hai dúas semanas por estar investigado na operación Influencer contra a corrupción, criticou a falta de "sentido común" do presidente, Marcelo Rebelo de Sousa, ao convocar eleccións anticipadas. Cualificou de "irracional e innecesaria" a disolución da Asemblea da República, pero recoñeceu que xa "está feita".

Despois de presentar a súa dimisión, Costa solicitáralle a Rebelo de Sousa que non disolvese as Cortes e nomease un sucesor socialista no executivo, pero o xefe de Estado convocou eleccións para o próximo 10 de marzo. 

Costa chamou hoxe á mobilización dos portugueses antes estas lexislativas anticipadas.

"O Partido Socialista ten todas as condicións para gañar as eleccións, xa que a dereita representa unha alternativa de inestabilidade. Mesmo unha maioría parlamentaria aritmética da dereita, dependente do Chega (o partido de ultradereita e terceira forza política en Portugal) nunca será unha maioría gobernativa porque o Chega non é un partido igual aos outros", dixo, insistindo en que este último "non é un partido para gobernar, senón para perturbar".

Costa advertiulle ao Partido Social Demócrata que, de acadar un acordo coa ultradereita, non terían condicións de gobernabilidade. 

Aos dirixentes do seu partido Costa insistiulles en que non deben entremeterse no tempo da xustiza ata as eleccións lexislativas e si concentrarse nas necesidades reais dos portugueses, nun escenario no que non debera desencadearse esta crise política. 

Os socialistas portugueses elixirán a mediados de decembro o seu novo secretario xeral entre dous candidatos: Pedro Nuno Santos, máis de esquerdas, e o moderado José Luís Carneiro. O elixido será tamén o candidato a primeiro ministro nas lexislativas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade