As obras da A-55 obrigan a cortar o tráfico entre Tui-A Guarda
As obras da A-55 obrigan a cortar o tráfico entre Tui-A Guarda
Os cortes realizaranse o venres 1 e luns 4
As obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa autovía A-55 farán necesarios novos cortes de tráfico ao longo deste venres e vindeiro luns, como informou a Xunta. Trátase de continuar os traballos de ligazón do quilómetro 30 da A-55 para conectar coa futura vía de altas prestacións Tui-A Guarda.
Esta insfraestrutura precisará da execución da capa de rodaxe dos novos ramais e cuñas de incorporación e saída á autovía, sentido Tui-O Porriño, dende a glorieta elevada, na súa calzada esquerda, entre os quilómetros 30+100 e o 30+500.
Nesta nova fase de intervención é preciso proceder a un corte total dos ramais de entrada e saída da calzada esquerda da A-55 e a posta en funcionamento do transfer do tronco da propia autovía, dando servizo ao tráfico pola calzada dereita.
Na programación destes traballos, levados a cabo sempre que as condicións meteorolóxicas o permitiron, inclúese a disposición dos desvíos de tráfico, en función das intervencións que se acometerán cada día.
Modificación da circulación e cortes de tráfico
O primeiro corte iniciarase este venres, afectando á circulación sentido Portugal-Tui (calzada decrecente), futuro ramal de saída da autovía á ligazón. A afección iniciarase ás 6:30 horas coa montaxe da sinalización e balizamento. Unha vez estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe.
Para facilitar a circulación do tráfico porase en funcionamento o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, dando servizo pola calzada da esquerda cun único carril para ambos sentidos. Manterase a ligazón do quilómetro 30+000 co seu funcionamento actual, incorporándose dende o ramal en obras á autovía sentido decrecente. Para acceder á conexión efectuarase o cambio de sentido no enlace situado no PK 29+000.
O luns día 4 continuarán os traballos sobre o mesmo tramo, ao redor das 21:30 horas, facendo coincidir coa diminución na afluencia de tráfico. A variación neste caso é que se cortará totalmente o ramal de incorporación do enlace do punto quilométrico 30+000 ao tronco da A-55 (sentido decrecente). Para dar servizo aos usuarios que se queiran incorporar á autovía, sentido O Porriño, discorrerá o tráfico polo centro de Tui.
Por outro lado, a circulación do tráfico cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non se verá afectado por estes traballos. Estará operativa a través do ramal de nova construción no quilómetro 30.
Débese sinalar que o tronco da autovía e os ramais da ligazón atópanse actualmente xa sinalizados de obras, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal.