Choque entre PP e PSOE: presentan cadanseu candidato para liderar a Fegamp

Os populares galegos optan por presentar unha lista propia despois de que os socialistas “romperan a colaboración que se quería traducir nunha lista única”

O PSdeG denuncia unha ruptura do consenso existente e ve "nerviosismo" pola candidatura de Besteiro á Xunta

O presidente da FEGAMP, a alcaldesa de Santiago e a directora xeral de Administración Pública da Xunta (EFE/ Xoán Rey) O presidente da FEGAMP, a alcaldesa de Santiago e a directora xeral de Administración Pública da Xunta (EFE/ Xoán Rey)
G24.gal 15/11/2023 12:30

O PP xustificou este mércores a súa decisión de presentar unha lista propia para liderar a Fegamp, co alcalde do Incio, Héctor Corujo, como candidato, ante o “uso partidista” que os socialistas fixeron da entidade supramunicipal.

O PPdeG tomou esta decisión nunha reunión celebrada na sede autonómica do partido en Santiago de Compostela mentres os socialistas mostraron a súa “sorpresa” polo que entenden unha ruptura do consenso existente.

Con todo, os populares galegos optan finalmente por presentar unha lista propia despois de que os socialistas galegos “romperan a colaboración que se quería traducir nunha lista única” que estaba previsto que encabezase en exclusiva o actual presidente da Fegamp, Alberto Varela.

Desde o PPdeG critican que “o PSOE galego, á imaxe e semellanza de Pedro Sánchez en Madrid, queira politizar as institucións, facendo un uso partidista con absoluto descaro”.

O PPdeG fai esta apreciación nunha semana na que Alberto Varela recibiu na sede da Fegamp ao candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. “Se ese é o modelo de municipalismo que quere o PSOE, asaltando as institucións, que non conten coa nosa colaboración”, remarcan agora os populares, á vez que defenden o seu modelo.

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, considera que a decisión do PPdeG de romper o “consenso” de concorrer cunha lista única á Asemblea da Fegamp demostra o “nerviosismo” dos populares ante a candidatura de Besteiro á presidencia da Xunta.

Pola súa parte, o PPdeG sostén que o seu modelo municipal é “claro” e está baseado en “reivindicar o interese dos 313 concellos de Galicia e non o interese duns poucos que só buscan aferrarse a unha cadeira”.

A pesar desta situación de tensión coa que arrincou a asemblea, os alcaldes e alcaldesas do PPdeG tenden a man ao presidente da Fegamp “para volver unir o municipalismo despois de que optaran por rompelo”, tal e como expoñen.

Deste xeito, a candidatura do alcalde do Incio, Héctor Corujo do PP, medirase á do actual presidente da Fegamp, Alberto Varela, nunha votación prevista para as 17 horas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade