O alixo de cocaína de Cambre, un dos maiores aprehendidos en España

Comisáronse sete toneladas de droga e detivéronse catro persoas

É a maior operación do ano en Galicia

Continúa aberta e non se descartan máis detencións

G24.gal 05/12/2023 23:00 Última actualización 06/12/2023 20:54

A Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira comisaron este martes 7,2 toneladas de cocaína e detiveron catro persoas en Cambre.

Foi unha operación policial contra o narcotráfico vinculada ao transporte marítimo que concluíu no polígono de Espírito Santo, no municipio coruñés de Cambre.

Os axentes accederon a unha nave industrial, dunha empresa de peixe conxelado, e comisaron 7,2 toneladas de cocaína, na maior operación do ano en Galicia.

Xunto coa droga detiveron 4 persoas pola súa relación con estes feitos, aínda que a operación continúa aberta.

Así o quixo destacar a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen este mércores incidía na importancia histórica do alixo de cocaína, como un dos máis relevantes de Galicia e de España.

Rivas confirmou que "a operación segue aberta", e apuntou que aínda se desenvolven "unha serie de rexistros" en diversos puntos.

Defendeu que "é un dos operativos máis importantes non só a nivel galego, senón a nivel estatal" e comparouno co narcosubmarino de Aldán, que foi moi relevante e no que se atoparon 3 toneladas de droga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade