Como condonarche o que non debes?, por Venancio Salcines

G24.gal 06/11/2023 08:02

Esquerra Republicana e o Partido Socialista acordaron unha condonación do 20 % da débeda da Generalitat co Fondo de Liquidez Autonómica, coñecido coloquialmente como FLA, o quen vén sendo mais o menos uns 15.000 millóns de euros.

Este é un acordo político que require, para unha análise rigorosa, coñecer a letra pequena. É dicir, necesitamos saber como se define esta axuda e como se extrapola ao resto das autonomías.  Se quedamos no marco do FLA, calquera opinión pasa por entender que significou este fondo. No verán do doce, España consegue o apoio do Banco Central Europeo, os mercados volven darlle a man e a fuga de diñeiro, dende España ata os países refuxio, remata. Pero non só consegue unha barra libre de financiamento, senón que tamén acada xuros extremadamente baixos.

Neste marco de crise financeira as autonomías dividíanse en dous tipos, as que coidaban das súas contas e as que non. Unhas dicíanlles aos cidadáns que tiñan que asumir restricións e dificultades e outras evitaban caer na austeridade. Tivemos presidentes que apostaron polo rigor financeiro, aínda que sabían que podía xerarlles un custo político, e tivemos outros que non o fixeron. Estes últimos creceron e creceron en débeda, ata un punto que os mercados financeiros e a banca lles deu as costas. Cataluña é o referente máis evidente deste comportamento. Se no seu momento acadase a independencia, un segundo despois caería en quebra. Ninguén quería prestarlle.

No ano doce, Rajoy crea o FLA como un fondo con dous obxectivos, garantir financiamento para as autonomías que non eran capaces de conseguilo polos seus medios, e abaratar o custo dese endebedamento a quen si podía conseguilo, pero a un prezo elevado. Cataluña recibe de modo inmediato 6.600 millóns, o ano seguinte dez mil millóns, e así sucesivamente. O Estado pide nos mercados financeiros o que ela non é capaz de conseguir. E Galicia? A nosa autonomía optou pola austeridade, tivo as contras controladas e nunca perdeu o acceso a financiamento bancario nin aos mercados financeiros. Non tiña necesidade do FLA e, por tanto, non acudiu ao mesmo.

A condonación de débeda FLA parece que se estenderá a outras autonomías nunha porcentaxe similar como se con isto xerásemos un parámetro de igualdade; quen así o vexa, equivocase, porque non todos acudimos a este rescate financeiro e, polo tanto, non todos temos niveis equiparables de endebedamento.

Se queren compensar a Galicia, non teñen que falar de condonarlle a débeda que non ten e si  teñen que falar de compensala por asumir a austeridade que outros non quixeron asumir. Teñen que falar de compensala polos recortes que outros non sufriron e teñen que explicarlle por que escoller o rigor e a disciplina financeira, que esixía un país en quebra, foi un erro. Por que liberar a España de cargas foi un erro. E por que agora vai ter que asumir unha parte da débeda das autonomías que non asumiron, no seu día, o control financeiro das súas contas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar