O Goberno asume o incremento do custo dos accesos á intermodal de Vigo

O Consello de Ministros aprobou a modificación do convenio co Concello de Vigo e a Xunta de Galicia, polo que o Ministerio pagará a práctica totalidade dos 2,7 millóns que encareceron eses traballos

G24.gal 14/11/2023 11:23 Última actualización 14/11/2023 14:19

O Consello de Ministros aprobou este martes a modificación do convenio subscrito coa Xunta e o Concello de Vigo para actualizar os custos de construción dos novos accesos á estación intermodal de Vigo, que pasan dos 21,4 millóns previstos anteriormente, aos 24,5 que agora se van investir nesas obras.

Será o Goberno, a través do Adif, quen asuma na súa practica totalidade esa diferenza de 2,7 millóns de euros. Así a achega do Executivo central será de 17,1 millóns (o 70 %), mentres que o Concello poñerá 3,7 e a Xunta 3,6.

A actuación contempla construír unha nova conexión viaria dun quilómetro entre o complexo intermodal Vialia e a autoestrada AP-9, que discorrerá baixo a praza da estación e a nova estación de autobuses, entre a rúa Lepanto e a autoestrada.

Así mesmo, inclúe o ramal de conexión coa estación de autobuses (550 metros) e o túnel de saída á rúa Lepanto (110 metros).

Desta forma, complétanse as actuacións programadas no convenio, despois de que xa se habilitase un punto de conexión intermodal para conectar a estación de autobuses con transportes urbanos e coa estación ferroviaria, adecuásese e urbanizase a praza de acceso ás estacións e o espazo entre elas, e desmontásese o viaduto da rúa Lepanto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade