Elena Rivo: "Gustaríame que o Estado puxese máis medios contra a violencia machista"
Elena Rivo: "Gustaríame que o Estado puxese máis medios contra a violencia machista"
A conselleira de Igualdade asegura que a Xunta seguirá traballando pola "prevención, a educación e a atención"
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, reclama na Radio Galega "máis recursos" por parte do Estado para seguir loitando contra a violencia machista.
No Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, a conselleira pide que se aumenten os xulgados específicos de violencia contra a muller e que se acheguen os fondos do Pacto de Estado.
Tamén reclama o reforzamento de Corpos e Fozas de Seguridade do Estado e a mellora do sistema VioGen. Segundo indicou, xa lle transmitiu estas peticións mediante unha carta á nova ministra de Igualdade, a socialista Ana Redondo.
"A min gustaríame que puxese o Estado máis medios, que achegase todos os cartos do Pacto para unha mellor utilización, que creasen eses xulgados novos de violencia específica para violencia de xénero e que reforzasen os Corpos de Seguridade para atender as vítimas. Máis recursos, están moi ben as mobilizacións pero tamén todo o que ten que traducirse en recursos".
A conselleira asegurou tamén que en Galicia "cada vez hai máis denuncias".
"Parece que se está a confiar nos Corpos de Seguridade e nas actuacións por parte das Administracións", engadiu.
Rivo lembrou que no que levamos de ano Galicia rexistrou dúas vítimas mortais de violencia machista e hai unha en investigación. Por este motivo dixo que "temos que traballar na prevención, na educación e por suposto tamén na atención" porque, segundo indicou, "a única cifra asumible sería cero" no que a violencia machista se refire.