Fandicosta presenta un ERTE en todos os seus centros de traballo
Fandicosta presenta un ERTE en todos os seus centros de traballo
300 persoas traballan para a empresa
Segundo o sindicato CCOO, a empresa Fandicosta, provedora de produtos do mar, presenta un ERTE en todos os seus centros de traballo repartidos pola comunidade. Ten plantas en Domaio, Vigo e Vilagarcía e produce 35.000 toneladas ao ano
Contando con máis de 300 traballadores, segundo informa a súa páxina web, comezará as negociacións na fábrica de Domaio o próximo martes, co obxectivo de aclarar o futuro dos seus empregados.
Nesta primeira reunión, a empresa entregará copia de toda a información, incluíndo tanto a memoria explicativa coa que xustifica as causas como o tempo dos ERTE e o persoal afectado.
Dende CCOO sinalan que seguen "sen resposta de ningún tipo por parte da Xunta pola reunión solicitada de forma urxente o 17 de outubro, pese a que forman parte do capital da empresa -a través de XesGalicia- cun 12 %".
A dirección da empresa non quixo facer declaracións sobre a súa decisión.