Galicia impulsa un proxecto para identificar e tratar perfís xenéticos de alto risco

No estudo vanse analizar os xenes de 400.000 galegos

O proxecto ten un orzamento de 20 millóns que achega a Xunta

G24.gal 27/10/2023 16:25

Galicia quere dar un "salto de xigante" e "situarse na vangarda internacional" da investigación médica mediante a posta en marcha do Proxecto Xenoma, que pretende identificar o perfil xenético de 400.000 galegos -un 15 % da poboación- para detectar, evitar e tratar enfermidades de alto risco.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaron este venres a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica de Galicia, onde guiados polo seu responsable, o doutor Ángel Carracedo, e o seu equipo presentaron o Proxecto Xenoma. Trátase de identificar o que se pode previr, explicou o doutor Carracedo, que sinalou que este proxecto "pon a Galicia na vangarda internacional" da investigación médica para permitir que a súa poboación se beneficie dos avances médicos.

Para a realización do programa, cun orzamento de 20 millóns de euros que achega a Xunta, chamarase desde do próximo 1 de xaneiro a 400.000 persoas, cuxo perfil se está elaborando, de entre 35 e 65 anos, en principio. Posteriormente, ademais dunha mostra de saliva, a un de cada catro, é dicir, a uns cen mil galegos, pediráselles tamén unha biomostra, que formará parte dun biobanco para futuras investigacións. Os participantes só terán que recoller unha proba de saliva e depositala en contedores no seu centro de saúde.

Con estas probas xérase unha información fundamental para a historia clínica do paciente e moi valiosa para a investigación e para coñecer e perfil xenético. Tras a análise, os participantes serán notificados sobre se posúen ou non unha variante de alto risco. De ser así, serán derivados a profesionais especialistas para a confirmación e posterior seguimento. Coas mostras xenéticas e a historia clínica electrónica os investigadores terán acceso a unha importante base de datos que permitirá identificar os perfís de alto risco de persoas que poden padecer desde cancro de mama a outro tipo de enfermidades, como afeccións cardíacas ou outras máis comúns. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade