García Castellón pide ao Supremo que investigue a Puigdemont e a Rovira por terrorismo

O xuíz da Audiencia Nacional acordou elevar exposición razoada ao Alto Tribunal para que investigue o expresidente da Generalitat e a dirixente de ERC na causa de Tsunami Democràtic

Puigdemont responde que os xuíces españois "ven terroristas onde non os hai"

A Audiencia abre expediente para decidir sobre a recusación a García Castellón

G24.gal 21/11/2023 11:38 Última actualización 21/11/2023 20:58

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló acordou elevar exposición razoada ao Tribunal Supremo para que investigue por un delito de terrorismo na causa de Tsunami Democratic ao expresidente da Generalitat, Carles Puigdemont, e a dirixente de ERC Marta Rovira e a outras dez persoas.

Na súa exposición razoada, o maxistrado sinala que para o esclarecemento dos feitos é necesaria a práctica de dilixencias de investigación que non pode practicar por estar aforados Puigdemont e o deputado do Parlament de Cataluña Rubén Wagensberg. 

O escrito do maxistrado ao Supremo sinala que Carles Puigdemont situaríase no vértice máis alto da organización de Tsunami Democràtic e engade que a súa posición como expresidente e líder desde Bruxelas do independentismo confírelle “unha posición de autoridade incuestionable”.

Tamén explica que neste momento procesual a cualificación non pode exporse en termos excluíntes, senón que a gravidade dos feitos e a súa complexidade permiten subsumilos en diversas infraccións que encaixarían en actos de terrorismo no sentido que prevé o Dereito da Unión Europea.

O maxistrado analiza os actos violentos que se produciron o 14 de outubro de 2019 no aeroporto do Prat e sinala que se tratou dunha acción ilícita, no sentido máis amplo da palabra, debido a que non consta que houbese convocatoria legal ningunha para realizar unha manifestación ou reunión. Lembra que non resulta posible autorizar manifestacións e concentracións nunha instalación crítica como é o aeroporto barcelonés.

Esa acción, segundo o maxistrado, ten encaixe no Código Penal polos danos materiais, as persoas lesionadas, a integridade física dos presentes na instalación aeroportuaria e a afectación ao tráfico aéreo. 

Puigdemont: "Os xuíces ven terroristas onde non os hai"

Carles Puigdemont, acusou aos xuíces españois de ter unha axenda política e de actuar cun calendario político: "Ven terroristas onde non os hai".É unha axenda política claramente. O calendario é político", concluíu.

Lamentou que esta situación leva seis anos ocorrendo: "Levamos seis anos así, son moi previsibles. Ven rebeldes onde non os hai, ven sediciosos onde non os hai, ven terroristas onde non os hai". Tamén dixo que a xustiza en España "é unha das peores que hai na Unión Europea".

O xuíz García Castellón O xuíz García Castellón

A Audiencia abre expediente para decidir sobre a recusación ao xuíz

O presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional, Alfonso Guevara, abriu un expediente gobernativo en que require ao xuíz Manuel García Castellón o escrito en que un investigado do caso Tsunami pediu apartalo da causa e este inadmitiuno de plano.

Guevara lembra ao xuíz García Castellón que é a Sala do Penal "a competente para resolver os incidentes de abstención e recusación dos maxistrados" de instrución da Audiencia Nacional, e solicita esa información ao maxistrado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade