Presentan máis de mil denuncias en Galicia pola fraude da investidora ilegal EverFX
Presentan máis de mil denuncias en Galicia pola fraude da investidora ilegal EverFX
Empregaba sen permiso a imaxe de famosos como reclamo
Creaban páxinas falsas nas que simulaban grandes ganancias para cada investidor
Recomendan verificar se as empresas que ofrecen inmestimentos están rexistradas na CNMV
A detención dun cidadán de orixe galega a finais do 2022 no aeroporto de Barcelona como un dos presuntos responsables de EverFX fixo transcender a dimensión dunha fraude que se estima que só en España se apropiou dos cartos duns 17.000 investidores.
A operación Forex, que logrou desmantelar en parte unha gran mafia internacional de falsos investimentos, segue aberta, explica José Torres, responsable do Equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra.
"Toda a xente prexudicada pode presentar a denuncia para tentar recuperar os cartos".
En Galicia levan rexistradas máis de mil denuncias, con perdas considerables, que os afectados fixeron deixándose levar pola propaganda da empresa que usaba ilegalmente imaxes de famosos e chegou a patrocinar o equipo de fútbol do Sevilla. Pero o seu maior cebo eran unhas páxinas nas que simulaban grandes ganancias.
"Empezan con cantidades moi pequenas, 250 euros, pero vanche ensinando nunha interface á que ti tes acceso como van medrando os cartos ata que chega un momento en que queres sacar os cartos e dinche que non".
Na investigación colaboran forzas policiais de varios países para dar co destino dos investimentos perdidos, que os delincuentes tentan facer chegar a paraísos fiscais.
"Nós estamos traballando en buscar a rastrexabilidade deses cartos que os tentan mover dun xeito rápido no mundo dos 'wallets' e as criptomoedas para complicar a nosa investigación".
O de EverFX é un exemplo dun tipo de fraudes que se multiplicaron durante a pandemia. Desde a Garda Civil, amais de animar a denuncialos, recalcan as recomendacións para prevelos.
O fundamental e desconfiar de calquera oferta de alta rendibilidade e verificar se a empresa que nola ofrece está rexistrada na Comisión Nacional do Mercado de Valores, que dispón dun buscador na súa web para facilitar esa comprobación.