O estado de saúde do papa Francisco mellora e recibirá mañá os bispos españois
O estado de saúde do papa Francisco mellora e recibirá mañá os bispos españois
O sábado tivo que rezar o Ángelus sentado no altar, en vez de asomarse á ventá na praza de San Pedro, debido a unha "inflamación pulmonar"
Tras non poder rezar o domingo o Ángelus na praza de San Pedro, o estado de saúde do papa Francisco mellora, atópase afectado por un "problema de inflamación pulmonar". Xa non presenta febre e o TAC ao que se someteu o sábado descarta que padeza pneumonía.
"Confirmo que o TAC descartou unha pneumonía, pero mostrou unha inflamación pulmonar que causaba algunhas dificultades respiratorias. Para un tratamento máis eficaz, colocóuselle unha cánula con agulla para infusión de antibioterapia intravenosa", indicou o portavoz vaticano, Matteo Bruni.
A pesar do aprazamento dalgúns dos seus compromisos, a reunión deste martes coa Conferencia Episcopal Española (CEE) mantense. Os bispos foron invitados polo Vaticano para abordar as conclusións do traballo realizado polos bispos que visitaron os seminarios de España a comezos do ano.
Esta reunión prodúcese en plena polémica polo informe do Defensor do Pobo sobre abusos a menores, máis a CEE insiste en desvincular o resultado da investigación coa reunión deste martes. Aínda así, non é descartable que xurda o tema durante o transcurso do encontro.
Segundo informa Bruni sobre os outros compromisos, os máis importantes serán aprazados, mentres que outros máis sinxelos mantéñense. Hoxe tamén recibiu na súa residencia da Casa de Santa Marta o presidente do Paraguai. Algo que ocorre en escasas ocasións, segundo informan fontes vaticanas.
Descoñécese o destino dos outros encontros. Por exemplo, ten programada unha viaxe a Dubai do 1 ao 3 de decembro para o cumio COP28 sobre o cambio climático.