O Poder Xudicial denuncia ante a UE o pacto entre PSOE e Junts
O Poder Xudicial denuncia ante a UE o pacto entre PSOE e Junts
Consideran que a lei da amnistía pactada por ambos partidos "violenta" a Constitución
O Consello Xeral do Poder Xudial enviou este luns un conxunto de documentos a Unión Europea denunciando "os graves episodios de ataque ao Estado de dereito e a separación de poderes" que está a afrontar España como consecuencia do pacto do PSOE con Junts.
O texto, que foi aprobado por 9 votos a favor, da maioría conservadora, 5 en contra e voto en branco do presidente, Vicente Guilarte. Mantívose á marxe debido a que consideraba que opinar sobre o tema implicaría apoiar unha opinión política.
Na carta enviada á Unión Europea, o Poder Xudicial explica que "co fin de obter o seu apoio para ser nomeado presidente do Goberno de España, o actual presidente do Goberno en funcións está pactando con un prófugo da xustiza a súa impunidade por diversos delitos, entre eles, de corrupción".
Engaden que no pacto se inclúe "a posibilidade de investigacións contra xuíces, que serían levadas a cabo por partidos políticos no Parlamento, vulnerando o marco de protección da independencia xudicial que establecen as leis".
Para rematar, acompañan o documento coa declaración institucional contra a futura lei da amnistía, pois consideran que "violenta a Constitución".
Este xoves, o Consello acordou un documento no que mostra o seu rexeitamento frontal ao acordo. Dito documento obtivo o apoio de 12 vogais, conservadores e progresistas, a excepción da vogal, Pilar Sepúlveda.
Os xuíces decanos súmanse ao rexeitamento
Difunden hoxe un comunicado uníndose ás asociacións xudiciais, afirmando tamén que o pacto constitúe un quebro da separación de poderes.
Tamén, consideran inadmisible a desconfianza na xustiza reflectida no pacto, opóndose así ás referencias ao lawfare ou xudicialización da política e as consecuencias que implica.
Patxi López: "de ningunha das maneiras o Parlamento vai rectificar ou revisar ningunha resolución xudicial"
Fronte ás críticas, o PSOE deféndese. Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso, asegurou nunha entrevista en TVE que "de ningunha das maneiras o Parlamento vai rectificar ou revisar ningunha resolución xudicial ou sentenza, porque non ten capacidade para fiscalizar o poder xudicial".
Tamén se pronunciaron os inspectores de Facenda en contra do que consideran un pacto que rompe o equilibrio territorial.
Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, enumeraba en rolda de prensa: "xuíces, fiscais, poder xudicial, avogados, exmaxistrados, profesores e catedráticos, inspectores de Facenda, avogados do Estado, colexios profesionais....cre o PSOE que todos eles están equivocados? Tamén vai desautorizalos a todos eles?"
Tamén a CEOE critica o pacto. Segundo o seu vicepresidente, Gerardo Cuerva, "a amnistía creba a seguridade xurídica" e "non obedece a intereses xerais". A patronal convocou unha reunión de urxencia para o próximo luns.