Filipe VI pide no Congreso traballar para legar "unha España máis sólida e unida"

O xefe do Estado, no discurso en que inauguraba a XV lexislatura, reivindicou o pacto constitucional: "Debemos honrar ese legado"

A presidenta do Congreso, Francina Armengol, insta a non "distorsionar" a realidade dun Goberno lexítimo, froito do diálogo, nun discurso que a oposición non aplaudiu

O rei Filipe VI durante o seu discurso (EFE/Chema Moya)
G24.gal 28/11/2023 18:55 Última actualización 29/11/2023 16:28

O rei, Filipe VI, dixo este mércores que é unha “obriga” de todas as institucións traballar por unha España “sólida e unida, sen divisións, nin enfrontamentos” tras lembrar que a procura do entendemento foi o que permitiu o pacto constitucional de 1978.

“A nosa obriga, a obriga de todas as institucións, é legar aos españois máis novos unha España sólida e unida, sen divisións, nin enfrontamentos”, remarcou nun discurso da apertura oficial das Cortes Xerais, marcada polo comezo da tramitación da lei de amnistía dos dirixentes independentistas cataláns procesados no ‘procés’.

Sen referirse a esta cuestión, o xefe do Estado fixo fincapé en que as novas xeracións necesitan afrontar o futuro con confianza cun marco democrático que lles permita “convivir e prosperar en liberdade”.

Necesitan, engadiu, “recibir unha España cohesionada e unida na que poidan desenvolver as súas vidas e proxectar as súas ilusións”.

Felipe VI, acompañado pola raíña Letizia e a princesa Leonor, fixo este chamamento na súa intervención no Congreso na sesión solemne da apertura oficial da XV lexislatura, en que reivindicou “o profundo significado” do acordo que desembocou na Constitución, da que pediu “honrar o seu espírito, respectala e cumprila”.

Tras felicitar o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pola súa reelección, confiou en que o pluralismo político reflectido no Congreso e no Senado, “coa integración de diferentes opcións e proxectos dentro da Constitución, impulse a mellora das condicións de vida das persoas”.

A xuízo do rei, para os mozos, “a democracia non é unha aspiración”, como o foi para os seus pais e avós, senón unha realidade, e teñen “a obrigación cívica de perfeccionar e acrecentar” os logros que trouxo o pacto constitucional, que permitiu alumar unha España “ilusionada, confiada no seu futuro” con “un espírito inclusivo de ideais”.

Filipe VI animou a “honrar ese legado, un legado de grandeza, responsabilidade e sentido da historia", e a poñer en valor “a historia do grande éxito colectivo” da democracia, cimentado en “o entendemento mutuo, sen imposicións, nin exclusións, e na vontade de integración que enriquece, coa diversidade e o pluralismo, o proxecto común como nación”.

Ao seu xuízo, admirar o logrado en 1978 “non é, en absoluto, mirar atrás con nostalxia”, senón “unha orgullosa e consciente reafirmación das mellores capacidades como país”.

“A procura do entendemento, o recoñecemento das nosas diferenzas, unido ao mutuo respecto como cidadáns, a certeza de que só superando as divisións teñen unha base segura as liberdades e os dereitos, foron todas elas ideas e actitudes determinantes para abrir unha nova páxina da nosa historia”, resaltou.

Por iso, emprazou a “respectar e cumprir” a Constitución para “facer efectiva a definición de España como un Estado social e democrático de dereito”.

No seu primeiro discurso de calado tras a investidura de Sánchez, o rei dixo que o pobo español depositou nos deputados e senadores “o ben político máis prezado: a confianza”.

“Confioulles a tarefa de que o pluralismo político aquí representado impulse a mellora das condicións de vida das persoas e grupos en que se integra”, apostilou o monarca nunha sesión da que se ausentaron os parlamentarios de Junts, ERC, EH Bildu e BNG por non recoñecer a lexitimidade da Coroa.

Por iso, incidiu en que as Cámaras teñen a obriga de “buscar sempre o ben común de todos os españois”, porque é, “inequivocamente, o retorno debido á confianza outorgada polos cidadáns”.

“A envergadura dos retos que afrontamos reclama de todos unha gran responsabilidade. Así o merecen os españois e demándao o exercicio da súa representación”, rematou o rei, quen pechou as súas palabras dando as grazas en catalán, éuscaro e galego. 

Armengol pide non cuestionar a lexitimidade do Goberno

Antes do discurso do xefe do Estado, a presidenta do Congreso, a socialista Francina Armengol, instaba os deputados e senadores a "non distorsionar" a realidade dun Goberno que "é léxitimo", nacido do diálogo e da negociación, porque, dixo, "aumenta a desafección da sociedade cara ás institucións".

Armengol criticou a "crispación, a polarización e o ruído", e incidiu en que "a nosa obriga coa sociedade é dar exemplo desde a transparencia e o respecto".

"A formación do novo Goberno necesitou de tempo, diálogo, negociación e toma de decisións. A decisión desta maioría parlamentaria é lexítima e emana da vontade dos cidadáns exercida o 23 de xullo. Distorsionar a realidade ou cuestionar importantes valores democráticos, desde a opacidade da disputa, só vai aumentar a desafección da sociedade cara ás institucións", recalcou a presidenta do Congreso.

Armengol lembrou o parlamentarismo nado das primeiras Cortes de León e dixo que "aquela esencia transformadora debe seguir sendo o noso faro" xa que "o debate é o medio adecuado para determinar o interese xeral, o ben común e a verdade compartida".

"Debate, diálogo, escoita activa e respecto: estas son as nosas ferramentas e este é o lugar idóneo para usalas. Fagamos bo uso delas, desde a lealdade e o compromiso, porque seguen sendo artífices da esperanza e a liberdade das nosas sociedades", puntualizou ante a sesión conxunta do Congreso e do Senado e o novo Goberno de coalición recentemente formado.

Apostou polo entendemento, clave nesta época de pluralidade da cámara, "de Gobernos sen maiorías absolutas", insistiu tras instar a que hoxe "máis que nunca" se exercite a capacidade de escoita e de persuasión, así como a empatía.

A presidenta da Cámara Baixa centrou o seu discurso na importancia das Cortes como "espiña dorsal dunha democracia".

"Supón un elemento indispensable para a liberdade das nosas sociedades: para vixiar e protexer os dereitos de maiorías e minorías, defender o control público dos poderes e facer transparente o funcionamento do noso sistema", incidiu.

"A partir do diverso é onde nace un sistema político integrador", recalcou tras instar a todos os presentes a seguir "adiante con esta lexislatura, que sosterá as tormentas e as alegrías ás que se enfronten a sociedade e o noso país", concluíu a presidenta do Congreso, que nesta ocasión, a pesar da instucionalidade do acto, non recibiu aplausos por parte da oposición.

Á saída desta sesión, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, explicou que non aplaudiron o discurso da presidenta do Congreso porque consideran que Francina Armengol actuou como voceira dos socialistas, e non como representante de todos os partidos políticos da cámara. 

"É o peor discurso dun presidente do Congreso que escoitei na miña vida", dixo Feijóo, mentres que Santiago Abascal, líder de Vox, cualificaba a intervención de Armengol como "un mitín".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos