O rebordamento de varios ríos provoca graves inundacións en Ferrolterra

Neda e Fene, os concellos máis afectados polos efectos do temporal

G24.gal 14/11/2023 11:52

A forte choiva das últimas horas deixou unha chea de incidencias na comarca de Ferrolterra, a zona máis afectada polo temporal. Os operarios da Axega (Axencia Galega de Emerxencias) desprazáronse ata os municipios de Neda e Fene, onde o temporal provocou graves inundacións. 

Ata o municipio de Fene trasladouse un semirremolque de achique e unha furgoneta para apoiar nos labores de restauración tras a forte choiva e inundacións. Desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Desbordamento de ríos en Neda

O desbordamento dos ríos Besteiro e Belelle provocou inundacións en varias vivendas da zona de Santa María, en Neda (A Coruña). Jorge López, veciño da zona, asegurou que a auga alcanzou "ata un metro e medio" na súa vivenda e que perderon absolutamente todo.

Así mesmo, detallou que "tanto caudal que traía o río, rompeu un muro e canalizou directamente" a auga cara á súa casa, "rompeu o portal, cruzou a estrada xeral, saltou para a casa e foi como un tsunami de súpeto". O concello de Neda alegou que os rebordamentos chegaron a provocar a caída dun muro que contiña as augas, o que ocasionou unha inmensa riada.

O goberno local avanzou que instalará "contedores para facilitar a retirada do mobiliario" danado e sopesa colocar grandes bolsas de area e grava onde estaba colocado o muro para evitar que se repita o ocorrido.

Aínda que o 112 sinala que non sufriu danos ninguén, a Xunta manterá activo o Plan de Protección Civil Inungal. Ademais, Emerxencias mantén no municipio a recomendación de permanecer na parte alta das vivendas. Segundo informou o Concello de Ferrol, no marco das actuacións dos bombeiros dúas persoas foron rescatadas e polo menos catro quedaron confinadas na súa vivenda. En Perlín, o río Cádavo tamén reverteu e asolagou varias vivendas.

 

Máis de 220 incidencias en toda Galicia

O 112 Galicia xestionou dende o luns ó mediodía máis de 220 incidencias en toda a comunidade, 50 delas producíronse durante a pasada medianoite. A provincia da Coruña acumulou o maior número de incidencias relacionadas con este episodio (172), e os concellos máis afectados foron Fene, Neda, Ferrol, Narón, Mugardos, Ares, Cabanas, Miño, Pontedeume, Outes, Dumbría e Mazaricos.

O Concello de Ferrol informou da acumulación de 78,2 litros por metro cadrado nas últimas doce horas. Ademais engaden que foi necesario o emprego dunha pa para retirar a terra dun noiro que caeu na estrada de Fontá, en Doniños.

En Dumbría tamén se atoparon cunha situación similar na estrada provincial DP-2302, onde un movemento de terra, pedras e vexetación bloqueou completamente o acceso a un garaxe con dous coches atrapados e tres cans desaparecidos. Segundo o 112, produciuse un desprendemento de 15 metros que non deixou danos persoais. Ao carón deste concello, en Mazaricos, produciuse a inundación dun albergue polo rebordamento do río Xallas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade