Os avogados de oficio esixen retribucións e condicións laborais dignas

Os avogados e os procuradores de oficio de toda España comezan unha folga indefinida o vindeiro día 21 de novembro

Piden que a Administración de Xustiza sente con eles a negociar

G24.gal 18/11/2023 13:38 Última actualización 18/11/2023 14:35

No pasado mes de xullo os avogados de oficio de Galicia comezaban unha folga, a primeira do sector en España, para esixir melloras nas súas condicións laborais. Din que conseguiron visibilizar a súa situación pero que lles quedan moitos obxectivos por cumprir.

Por iso, a vindeira semana volverán á folga, será indefinida, nesta ocasión a nivel nacional, xunto cos procuradores da quenda de oficio de toda España.  

"Queremos que se reúnan con nós e que recoñezan que o noso traballo -que é, nada menos, que levar un dereito constitucional á xente que non ten medios- é un servizo público, que se recoñeza que temos relación coa Administración, porque négannos ata iso, negan a nosa relación laboral coa Administración", asevera Rosa Lozano, avogada e delegada en Galicia do Sindicato Venia.

No sector tamén esixen retribucións dignas.

"Somos os propios avogados os que temos que manter o servizo cos nosos ingresos porque non todas as actuacións están cubertas. Temos que poñer os nosos medios, os nosos despachos, os nosos coches, cotizar por esas horas, é dicir, nós poñemos todo", engade.

"Queremos que as retribucións se paguen en función dos prezos reais do servizo que prestamos. Hai moitos recursos que facemos, escritos, traslados... que o asumimos todo nós", di Ana Sabel, avogada de oficio.

Avogados e procuradores de oficio aseguran que a súa situación é, por tanto, precaria e xa inasumible, e din que manter a prestación deste servizo está en risco.

"É moi urxente e por iso facemos a folga indefinida. Non imos parar ata que a Administración se sente e aprobe condicións dignas para garantir o servizo", enfatiza Rosa Lozano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade