Os sectores afectados pola velutina piden un plan piloto para frear a súa expansión
Os sectores afectados pola velutina piden un plan piloto para frear a súa expansión
Os danos que causan estas avespas na cabana apícola superan o 40 %
Ademais de eliminar os niños, piden que se artelle un plan piloto
En Chantada abordáronse os danos que causa a vespa velutina e os procedementos para controlar esta especie invasora, que chegou a Galicia hai xa doce anos. Os estragos que provoca esta especie invasora son devastadores.
"Desde o momento en que está atacando insectos polinizadores da nosa xeografía, pois está repercutindo sobre a produción dese alimento, tanto para as persoas coma para os animais dos que nós nos alimentamos", afirma Xosé Torres dende a Asociación Galega de Apicultores.
As perdas superan o 40 % da cabana apícola. Extremar os coidados é fundamental para a supervivencia das abellas.
"As abellas pasan o inverno, non morren no inverno, viven nas súas colmeas. Entón elas viven a partir do que recolleron. Pero a velutina non lles deixa facer iso, entón teremos que achegarlles esa alimentación extra", explica Xaquín Lozano, veterinario da Asociación Galega de Apicultores.
A retirada de niños é unha medida necesaria, pero non suficiente para combater a velutina.
"Todo o mundo sabe que retiras uns cantos pero que quedan moitísimos máis sen retirar. Simplemente cada niño vai dar lugar a 30 ou 60 fundadoras, esas fundadoras expándense a 30 ou 60 quilómetros. Aínda que retirases 20.000, quedarían 80.000 sen retirar e dá un montón de fundadoras que se expanden por todo o territorio e ao ano seguinte estamos nas mesmas", conta Gonzalo Calvo, tamén veterinario da asociación.
Propoñen un plan piloto nunha zona de arredor de 10 quilómetros cadrados a partir do cal tomar medidas, coa implicación de todos os sectores afectados.
"É un problema conxunto, un problema que nos afecta a todos e só se pode frear colaborando a poboación civil, as asociacións e a Administración. Se non imos todos da man, non imos erradicar este problema", apela Javier Rodríguez, do GDR Miño-Ulla e organizador do congreso.
As conclusións deste primeiro congreso sobre o control da velutina elevaranse á Administración para buscar unha solución eficaz.