Aumentan as vendas nos mercados para o menú do Nadal
Aumentan as vendas nos mercados para o menú do Nadal
Din os comerciantes que a xente está sendo máis previsora este ano por temor á suba dos prezos nos últimos días
As organizacións de consumo recomendan adiantar e planificar as compras para aforrar e evitar a tensión de última hora
Vaise achegando o Nadal, unha época de compras e moitos gastos, sobre todo, en agasallos e en comida para os menús das celebracións nas casas. Nos mercados galegos xa notan estes días un aumento das vendas, tanto das carnes coma dos peixes.
Para evitar o estrés da última hora e o aumento dos prezos dos produtos típicos do Nadal as organizacións de consumidores recomendan adiantar na medida do posible algunhas compras.
A 17,90 está hoxe o quilo de cordeiro duns seis quilos na praza de abastos de Ourense. É un dos produtos máis demandados estes días e que moitos están a mercar xa para o menú do Nadal.
"Vin hoxe precisamente para o cordeiro".
"Porque de aquí ao Nadal encarece todo, entón o peixe, xa levo unha pescada para conxelar, e xa collín unhas vieiras, e agora vou coller tamén algo de carne".
Peixe e carne para conxelar, pero tamén doces, viños e cavas son algúns dos produtos que se van mercando para repartir os gastos ao longo deste mes.
"Por culpa entendo da suba de prezos que houbo durante o ano, a xente está sendo un pouco máis previsora e estase achegando ao mercado antes, para ver e comparar e ver que menú vai facer", asegura Alberto González, o xerente da praza de abastos de Ourense.
"Xa están comprando, sobre todo, cabrito e cordeiro, xa o mercan para levar e para conxelar" di María Paz Lloves, da carnicería Milucho.
"Viños, polvoróns, doces de Nadal e panetones de Italia", son os produtos que, segundo afirma Nélida Domínguez da tenda o Gran Colmado, mellor venda están tendo estes días.
Segundo a OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) o gasto medio por persoa maior de 18 anos será de 745 euros, máis da metade irá destinado a agasallos, e o resto en comida e en festas.