Os terremotos sacoden a diario Galicia, desde sempre, sen que a poboación os perciba
Os terremotos sacoden a diario Galicia, desde sempre, sen que a poboación os perciba
Galicia é zona de baixa a moderada actividade sísmica, sen risco dun gran terremoto
O Instituto Xeográfico Nacional leva 170 anos rexistrando a actividade sísmica na península. Menos ca outras, Galicia é unha zona tectonicamente activa da Península Ibérica. Os últimos tremores de Oroso e Muxía, máis acusados, ocasionáronos as tensións liberadas polo movemento das placas africana e europea, que empurran no medio a microplaca ibérica.
Con todo, hai zonas en Galicia máis complicadas como sinala Pablo Núñez, delegado en Galicia do Colexio de Xeólogos.
"O triángulo sísmico de Becerreá e a continuación polo Miño, a depresión de Ourense, Celanova e demais, con risco de sufrir tremores de máis intensidade".
O que está a pasar en Galicia son movementos xeolóxicos clásicos que se repiten en determinadas zonas, se consultamos os rexistros históricos, conta o xeólogo Pablo Núñez.
"Hai sismos case todos os días, o que pasa é que a maior parte, 90 %, non os sentimos. Estamos nunha zona tectonicamente activa con sismos de pequena magnitude que de vez en cando chegan a esa escala de 4-3,5, que si os percibe a poboación. A muralla de Lugo leva dous mil anos e non ten fracturas".
Malia esta actividade, Galicia non está ameazada por un gran terremoto superior aos 3,5 graos asegura Núñez.
"O que aconteceu no 97 en Becerreá, probablemente é o maior sismo que podemos agardar en Galicia".
Magnitude que pode non corresponderse coa intensidade coa que o percibe a poboación, xa que a magnitude é a tensión xerada e medible, mentres que a intensidade é como se percibe no territorio ese sismo, os danos que xera e o seu grao de destrución.
Debido á tectónica de placas, todos estamos conectados, así que non podemos desbotar que un terremoto importante, por exemplo, en Portugal, non afecte a Galicia, como ocorreu no século XVIII co gran terremoto de Lisboa, que xerou tsunamis, o maior perigo dos tremores con epicentro no mar.