Pablo Iglesias di que Yolanda Díaz traballou para destruír Podemos
Pablo Iglesias di que Yolanda Díaz traballou para destruír Podemos
O exlider da formación morada asegura que se arrepinte de darlle tanto poder á actual vicepresidenta
O exlíder de Podemos Pablo Iglesias afirmou, nunha entrevista concedida a DiarideBarcelona.cat recollida por Europa Press, que se arrepinte de favorecer o liderado de Yolanda Díaz.
"Si. Arrepíntome de entregarlle tanto poder sen deixar ligado un proceso democrático. Confiaba nela e confiaba en que habería un proceso democrático, que respectaría o peso democrático de Podemos. Claro que me arrepinto. Traballou para destruír a Podemos aliándose con mafiosos e cos seus inimigos máis evidentes", engadiu.
Iglesias tamén dixo que tomaría "moitísimas" decisións diferentes ás que tomou no seu momento e que "non repetiría" os primeiros anos de Podemos, que lle comportaron perder a intimidade, levar escolta e ser obxecto permanente de agresividade mediática.
O exlíder de Podemos considera que foi un acerto que a formación entrase no Goberno en 2019, "e a proba é que sen goberno non existiría Yolanda Díaz pero tampouco Irene Montero ou Ione Belarra", e valorou que o Executivo dá experiencia de xestión e permitiulles ver moito máis de preto as estruturas do Estado.
Engadiu: "Unha esquerda que non aspire a ser Estado non ten posibilidades de transformar practicamente nada. Os independentistas cataláns entenderon que o dereito para decidir pasa por gañar unha batalla política dentro do Estado español. Desde fóra é imposible".
Eleccións Europeas
Preguntado sobre se cre que Podemos se presentará ás eleccións europeas, contestou que a decisión corresponde ao partido: "Pero a min paréceme que é unha posibilidade. Podemos ten que volver ser unha opción electoral autónoma. Tense que facer visible", aínda que se descarta como candidato.
Sobre o futuro do partido, engadiu: "Calquera posibilidade de acordo con outras formacións políticas pasará pola existencia dunhas primarias abertas, pero sospeito eu que non están moito polo traballo os partidos de Sumar".