Sánchez di que condenar a matanza de civís en Gaza é "cuestión de humanidade"
Sánchez di que condenar a matanza de civís en Gaza é "cuestión de humanidade"
Rexeita con contundencia os atentados de Hamás e esíxelle á dereita que estea cos dereitos humanos
O líder do PSOE defendeu a lei de amnistía como un referente para a convivencia
Día de celebración para o PSOE por varios motivos: a constitución do novo executivo presidido por Sánchez, e o papel das Casas do Pobo e da militancia no seo do partido. Moitas bandeiras de España no recinto feiral de Ifema, cun evidente contido simbólico.
Pedro Sánchez estivo acompañado por Rodríguez Zapatero e a súa primeira referencia temática foi a lei de amnistía.
"Con esta decisión transcendente da democracia española, como é unha lei de amnistía, vanse ver beneficiados mesmo aqueles que se mobilizan en contra desta decisión, porque van vivir nun país máis cohesionado, con máis convivencia e máis unido ca nunca".
Unha das polémicas da semana: a viaxe que fixo por Oriente Medio. Nesa liña, dixo que non pode pedirlle á dereita o apoio, pero si que lle vai esixir que estean cos dereitos humanos:
"Condenar os viles atentados terroristas dunha banda terrorista como Hamás e ao mesmo tempo condenar a matanza indiscriminada de civís palestinos en Gaza non é unha cuestión de partidos políticos, nin de ideoloxía. É unha cuestión de humanidade".
Sánchez anunciou que nesta lexislatura porá en marcha unha lei de paridade para que o 50 % do poder económico, social e político corresponda ás mulleres. Sinalou que tamén formalizará dous pactos: un para facilitar a emancipación da xuventude e outro a prol do colectivo LGTBI.