O Consello Nacional do BNG ratifica a Ana Pontón como candidata á Xunta
O Consello Nacional do BNG ratifica a Ana Pontón como candidata á Xunta
Logrou case o cen por cento dos apoios das case 3.000 persoas que participaron nas asembleas comarcais
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, foi proclamada formalmente candidata á Presidencia da Xunta para as vindeiras eleccións, "convóquense cando se convoquen", unha cita á que acode coa convicción de que está "máis preparada" ca nunca.
"É o momento do BNG", salientou ante o Consello Nacional, o máximo órgano de decisión entre asembleas que, cun sonoro aplauso, deu por concluído un proceso no que logrou practicamente o cen por cento dos apoios das case 3.000 persoas que participaron nas asembleas comarcais.
Segundo dixo, "o BNG é hoxe a alternativa ao PP" porque "soubo facer as cousas" e "acertou pondo o foco nos grandes retos do país".
"Ensanchamos e tecemos alianzas, agora estamos na recta final para lograr o obxectivo de liderar a Xunta. Isto non depende dunha persoa, senón do traballo (de todos)", salientou, para apelar a simpatizantes, militantes e dirixentes a "pisar o acelerador".
Pontón asegurou que os nacionalistas "non poden nin queren fallar" no obxectivo de "deixar atrás o desastre do PP, que está en tempo de desconto e pensa que o pode frear con cheques".
Fuxir das "batallas estatais"
Tamén advertiu de que "as forzas estatais" tratarán de trasladar a Galicia "as súas batallitas madrileñas", pero lanzou a mensaxe aos seus de que "non son as nosas" guerras nin as que "necesita este país".