Protestas veciñais contra unha antena de telefonía en Monterroso

Os residentes en San Breixo reclaman que a torre se instale lonxe das vivendas

Félix Aragunde 09/11/2023 20:11 Última actualización 09/11/2023 20:52

As obras de instalación dunha antena de telefonía móbil desencadearon as protestas dos residentes na parroquia de San Breixo, en Monterroso. Trátase dunha torre duns 40 metros que se vai colocar a uns 100 metros dun lugar onde viven unhas 40 familias.

Os estudos da Organización Mundial da Saúde non demostran que as ondas de telefonía móbil teñan efectos adversos. Aínda así, polo que poida pasar, os residentes neste núcleo monterrosino recolleron sinaturas en que reclaman que a antena se instale máis lonxe das casas.

Polo momento, os afectados xa xuntaron máis de medio milleiro de firmas contra a colocación desta infraestrutura onde está proxectada. De chegar a materializarse, algúns aseguran que van marchar.

A finalidade da antena é darlles cobertura de telefonía móbil a varias zonas de sombra desta parroquia. É dicir, como ocorre con outras torres instaladas anteriormente a moita máis distancia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade