Sánchez logra o aval da militancia do PSOE para os seus pactos de investidura

Un 87,13 % das persoas que participaron apoian o acordo con Sumar e as negociacións con outras formacións

 

Unha militante vota en Madrid Unha militante vota en Madrid
G24.gal 05/11/2023 08:16

Un 87,13 % da militancia socialistas que participou ata este sábado na consulta do PSOE apoia os pactos de investidura de Pedro Sánchez, que deste xeito logra o aval do seu partido á negociación con Junts, aínda en marcha por discrepancias pola lei de amnistía.

Na consulta votaron o 63,4 % das 172.600 persoas que estaban chamadas a pronunciarse sobre o pacto de goberno asinado xa con Sumar e sobre os pactos necesarios con outros partidos para que a investidura saia adiante, entre eles ERC (selado este xoves) e Junts (aínda pendente).

O PSOE deu a coñecer estes resultados nunha nota de prensa co 92 % dos resultados escrutados. En concreto, a pregunta exposta non menciona a lei de amnistía.

"Apoias o acordo para formar un Goberno con Sumar e lograr o apoio doutras formacións políticas para alcanzar a maioría necesaria?", inquiría. 

Finalmente, un 87,13 % respondeu "si" á pregunta e un 11,93 % "non". Estes resultados inclúen os da militancia do PSC que avalou os pactos cun 85,4 % de apoios.

Deste xeito, Sánchez logra o aval das bases do partido para os seus pactos de investidura, a pesar de que dous deles seguen pendentes, concretamente con Junts e o PNV.

Pechados os pactos con Sumar, EH Bildu, ERC e o BNG, as negociacións con Junts están a prologarse máis do que agardaban os socialistas, que dubidan poder celebrar a sesión de investidura de Sánchez a próxima semana, como querían.

Proceso

A consulta comezou o luns de xeito telemático na pagina web portal.psoe.es, onde se podía votar ata o venres ao mediodía, día en que participou o propio Sánchez. Continuou este sábado de forma exclusivamente presencial nas agrupacións municipais ou de distrito do PSOE.

A consulta á militancia socialista sobre o pacto de Goberno con Sumar era vinculante e obrigatoria, segundo os estatutos federais do PSOE, ao tratarse dun executivo de coalición. En cambio, a consulta sobre pactos de investidura con outras formacións non era obrigatoria.

O PSOE celebrou unha consulta á militancia en 2016 ante a posibilidade de formar goberno con Ciudadanos, na que participaron máis do 51 % e o 79 % votou que si.

Máis recentemente, en 2019, outra consulta para gobernar con Unidas Podemos na que participaron o 63 % e o 92 % apoiou a coalición, uns resultados moi similares aos actuais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade