Toneladas de bivalvos mortos tamén nas praias de Rianxo

Apareceron nas praias do Porrón, As Cunchas, A Torre e O Tanxil

As cunchas de berberecho morto cubrían a maior parte da praia do Tanxil de Rianxo
G24.gal 07/11/2023 21:30 Última actualización 07/11/2023 21:42

O marisqueo da ría da Arousa tamén sufriu os efectos das borrascas e varias das súas praias tamén apareceron o luns como as de Noia, cubertas de cría de bivalvo.

A fin de semana, cos ventos tan fortes e moito mar de fondo, revolveu tanto a auga e os fondos que toneladas de bivalvos apareceron nas beiras de praias como a do Tanxil, igual que pasou nas de Noia.

Aquí foi sobre todo berberecho que pasaron apañando o luns os e as mariscadoras da confraría Virxe do Carme de Rianxo. Lamentablemente, remataron axiña porque neste caso o marisco estaba na maior parte, nun 65 por cento, morto e non houbo maneira de recuperalo. O resto xa se volveu sementar.

Dáse a circunstancia de que nesta ría non hai encoros que desauguen pero si que desembocan tres ríos, o Ulla, o Té e máis adiante pero na mesma ría tamén o Umia, que verten todo o seu caudal de auga doce, estes días tralos temporais moito máis abundante.

Apuntan outros factores como son as mareas mortas, que non chegan a compensar a abundancia de auga doce.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade