Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro feridos nun accidente con sete coches na Autovía do Barbanza, en Rianxo

Catro feridos nun accidente con sete coches na Autovía do Barbanza, en Rianxo

Un dos feridos, todo leves, foi atropelado ao baixar do seu coche para auxiliar un condutor que saíu da vía

O sinistro obrigou a cortar a estrada en dirección a Ribeira, á altura do acceso a Isorna durante máis de tres horas, polo que se estableceu un desvío

Varios vehículos implicados nun accidente na AG-11 en Rianxo/Cedida
G24.gal 08/06/2024 12:12 Última actualización 08/06/2024 14:46

Catro persoas quedaron feridas leves, unha delas como consecuencia dun atropelo nun accidente de tráfico múltiple rexistrado contra as 9:30 horas desta mañá do sábado na autovía do Barbanza entre Padrón e Ribeira.

O sinistro sucedeu á altura do quilómetro 12, a saída dunha curva antes de chegar ao alto de Vilas, na parroquia de Asados, en Rianxo.

Un particular avisou ao Centro de Emerxencias 112 Galicia da colisión de varios vehículos pero que descoñecía se había vítimas.

Os xestores do servizo déronlle traslado so suceso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico do destacamento de Santiago de Compostela, á dotación de garda do parque comarcal de Bombeiros de Boiro e á Policía Local.

O tramo da AG-11 onde se rexistrou o accidente na calzada en dirección cara á capital do  Barbanza quedou cortado á circulación desde pouco antes das dez da mañá ata case as 13:30 horas, desviándose o tráfico na saída cara a Catoira, en Isorna.

O 061 xa desprazou dúas ambulancias de Soporte Vital Básico (SVB) con bases en Rianxo e en Boiro, para que o seu persoal técnico de emerxencias sanitarias atenda aos feridos, que finalmente se puido determinar que foron catro.

Unha das persoas feridas foi evacuada nun vehículo asistencial ata o Hospital do Barbanza e as outras tres na outra ambulancia asistencial ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

A Garda Civil, informa de que o accidente se rexistrou como consecuencia da saída de vía dun turismo. O condutor doutro coche que circulaba detrás parou para auxiliar aos ocupantes do vehículo accidentado e foi atropelado por un terceiro turismo. Despois, foron colidindo en cadea ata sete coches.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade