Un informe da USC apunta a que baixar o IVE nos produtos pesqueiros crearía 5.500 empregos

O estudo simula unha baixada do 10 ao 5 % do imposto nos produtos do mar e trasládaa ao consumidor final e conclúe que incrementaría o consumo e suporía un valor engadido de 28,5 millóns no conxunto da economía

G24.gal 28/11/2023 14:46

Un informe da Universidade de Santiago analiza o impacto da baixada do IVE no sector pesqueiro. Estima que reducilo do 10 ao 5 % e trasladar esta rebaixa ao consumidor final non só tería un efecto directo no peto dos consumidores.

O estudo parte dun contexto de crise inflacionaria que está afectando particularmente o sector pesqueiro. É a categoría alimentaria en que máis se reduciu o consumo. O 52 por cento dos consumidores din que no último ano mercaron menos peixe. E perciben que a súa dieta é menos saudable.

O informe da Universidade de Santiago simula unha baixada do IVE do 10 ao 5 %, favorecendo o consumo. E mide o efecto que tería no conxunto da economía galega.

Gonzalo Rodríguez, coautor do estudo das cifras: "Un impulso de 28 millóns de euros de valor engadido bruto no conxunto da economía. Xerando durante ese ano ata 5.500 postos de traballo".

Porque, explica, máis consumo leva a máis actividade e xera máis renda, cun efecto directo noutros sectores como a industria e os servizos.

Con esta rebaixa calculan que  o Estado deixaría de recadar uns 17 millóns de euros. "Implicaría un custo para as arcas públicas pero o incremento da actividade paliaría parte dese custo. Parece unha medida razoablemente eficiente", engade Gonzalo Rodríguez.

Para o sector e a Xunta, son cifras que avalan as súas teses. José Antonio Pérez, presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores pide que "o pensen e que se baixe. Que miren os outros países que xa o baixaron, onde aumentou un quince, un vinte e mesmo un trinta por cento o consumo de peixe".

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defende que "estámolo a demandar con informes independentes. Non falamos de política, falamos de sentido común".

E volven reclamarlle ao Goberno que rebaixe o IVE dos produtos do mar na cesta da compra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade