Publicador de contidos
Publicador de contidos

Villares agarda un cambio de rumbo en Bruxelas: "Estes 5 anos non foron bos para Galicia"

Villares agarda un cambio de rumbo en Bruxelas: "Estes 5 anos non foron bos para Galicia"

O conselleiro do Mar confía en que o novo eurocomisario de Pesca "reverta" as políticas do seu antecesor que foron "demasiado mediambientalistas sen ter en conta as xentes que viven do mar"

Alfonso Villares di que Galicia "é pioneira" en desenvolver a Estratexia Azul, que busca "coidar o noso mar pensando nas seguintes xeracións"

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, esta mañá no 'Bos días' da TVG
G24.gal 13/11/2024 09:50

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, confía que a chegada do novo eurocomisario de pesca permita "superar a etapa pasada" marcada polo seu antecesor, cinco anos, que ao seu xuízo "non foron bos para Galicia".

A xuízo de Villares, durante o mandato de Virginijus Sinkevicius "houbo unha balanza moi descompensada que prexudicou moito a Galicia". Nunha entrevista no 'Bos días' da TVG, o conselleiro repróchalle que teña tomado decisións "demasiado medioambientalistas  sen ter en conta aspectos sociais e económicos". Decisións que a día de hoxe impiden pescar á nosa frota en 87 áreas do noroeste.

Villares confía en que se poda "reverter ese camiño" co nomeamento do chipriota Costas Kadis como comisario de Pesca e Océanos da UE, co que mañá conversará por videoconferencia. "Esperamos que teña en conta as xentes que viven do mar"; "non podemos deixar a nosa xente sen recursos".

O conselleiro do Mar referiuse tamén ó posible nomeamento de Teresa Ribera como vicepresidenta da Comisión Europea. "Espero que teña máis acertos dos que tivo con Galicia", asegura Alfonso Villares.

O titular de pesca do Goberno galego critica o posicionamento da vicepresidenta do Goberno español coa lei do litoral e a xestión das empresas electrointensivas.

"Galicia é pioneira en desenvolver a Estratexia da Economía Azul", asegura Villares

O conselleiro do Mar salienta o compromiso de Goberno galego co desenvolvemento da Estratexia da Economía Azul, un mandato europeo que a nosa comunidade comezou a desenvolver "de xeito pioneiro".

Segundo explicou, trátase dun documento con 40 medidas que ten por obxectivo "preservar a nosa contorna e os nosos recursos pensando nas seguintes xeracións". 

"Trátase de coidar do noso mar pensando nas seguintes xeracións, coidalo como o mar nos leva coidando durante moitos anos", incidiu. Arredor de 200 persoas participaron no deseño desta folla de ruta coa que a Xunta pretende "deseñar a Galicia do futuro".

Na entrevista, o conselleiro do Mar salientou a necesidade de "estreitar alianzas" con Cabo Verde, un país cunha "situación estratéxica" onde traballa desde hai anos o sector pesqueiro galego.

Villares márcase como obxectivo "recuperar a actividade" da fábrica de atún de Mindelo", construída con capital galego.

Hai uns días trasladou ao ministro do Mar do arquipélago a necesidade de que "a fábrica siga funcionando" porque "durante moito tempo reportou traballo e produto para Galicia".  Neste senso, explicou, "esperamos ter noticias en poucas semanas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade