OPINIÓN

Unha 'yenka' financeira dez anos despois, por María Cadaval

G24.gal 14/11/2023 08:02

O acordo de investidura entre o Partido Socialista e Junts reaviva o debate sobre o pacto fiscal entre Cataluña e o Estado. O exlíder catalán Artur Mas propuxera no ano 2012 un pacto fiscal como solución á crise que atravesaba a rexión. Argumentaba que ao ser este territorio o motor económico de España, un acordo fiscal beneficiaría as dúas partes e mellorando a situación autonómica avanzaba tamén a situación do país no seu conxunto. “España, tal e como está non sae desta sen a axuda de Cataluña, así que colaboren en pagar as súas débedas e fagan os investimentos e as infraestruturas que deben facer para, dese xeito, tirar do carro conxunto”.

Agora, a dereita nacionalista catalá propón modificar a Lei Orgánica de Financiamento Autonómico, LOFCA, de xeito que estableza unha cláusula de excepción de Cataluña e se recoñeza a singularidade en que se organiza o sistema institucional da Generalitat, que facilite a cesión do 100 % de todos os tributos que se pagan en Cataluña. Este movemento, ao que o PSOE, polo de agora, resposta no mesmo documento apostando por medidas que permitan a autonomía financeira e de acceso ao mercado de Cataluña, así como un diálogo singular sobre o impacto do actual modelo de financiamento, ou o que é o mesmo, “xa veremos”, fai inevitable preguntarse cal sería a concreción disto e como afectaría ao conxunto do Estado.

O que pide Junts, basicamente, é aproximar o sistema de financiamento catalán a un modelo semellante ao concerto vasco ou ao convenio navarro, o cal significaría detraer recursos do sistema de financiamento autonómico e unha mingua considerable na contribución aos gastos xerais do Estado. É dicir, o sistema no seu conxunto renunciaría a recadar impostos sobre o 20 % do PIB que, sumado ao mais do 8 % dos territorios forais, quedaría sen un terzo das posibilidades de financiamento, cun impacto indiscutible sobre a liña de flotación do Estado de Benestar. A isto hai que engadir que o agravio que sentirían outras comunidades achegadoras netas, como poden ser Madrid ou As Baleares, empuxaríaas a pedir un trato semellante, o calque acabaría quebrando o sistema actual para trocalo por outro diferente, confederal, ao estilo norteamericano. É dicir, comezarían a notarse as diferenzas reais de financiamento per cápita até o punto de que unha persoa residente en Madrid tería o dobre de recursos para destinar a educación, sanidade e servizos sociais que Estremadura, por exemplo.

Non parece probable, pois, que esa demanda de Junts vaia evolucionar tal e como plasmaron no acordo de investidura do PSOE. O que si parece prosperar é o acordo con ERC, a través do que se vai condonar o 20 % da débeda que Cataluña ten co Estado central a través dos mecanismos extraordinarios de financiamento. É dicir, un rescate ou unha quita de débeda da que parece que se van beneficiar outras comunidades autónomas, aínda que non todas na mesma medida. Isto, ademais de risco moral, introduce un mecanismo perverso que non conseguirá acabar co problema da débeda nin en Cataluña nin na Comunidade Valenciana ou Andalucía, as mais endebedadas, polo que se precisará a maiores de acordos substantivos sobre a reconfiguración do pasivo restante en forma de mellores condicións de devolución.

En definitiva, sería bo botar man do Libro Branco sobre a Reforma do Sistema de Financiamento Autonómico presentado polo comité de persoas expertas no ano 2017 e comezar a negociar de xeito multilateral, a través do Consello de Política Fiscal e Financeira, as grandes liñas reais que deberan guiar un cambio de rumbo no sistema de financiamento autonómico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade