Uns trinta mil nenos estaban convocados para vacinarse da gripe esta fin de semana

De luns a venres a poboación infantil pode inmunizarse nos centros de saúde

O sábado e o domingo próximos volverá haber vacinación masiva nos hospitais

G24.gal 19/11/2023 21:27 Última actualización 19/11/2023 21:59

Uns trinta mil nenos estaban chamados a vacinarse da gripe esta fin de semana nos hospitais galegos. Sanidade fixo esta convocatoria masiva para facilitarlle o desprazamento ás familias fóra do horario laboral.

Neste novo empurrón á campaña de vacinación da poboación infantil no hospital de Ourense botaron man mesmo dos poderes dalgún superheroe.

Enfermeiras e celadoras disfrazadas e un espazo para poder xogar mentres agardan fan da sala de vacinación un lugar máis amable para os cativos.

"Se o toman como un xogo, entre os nosos disfraces, ter aquí xoguetes para mentres esperan... veñen un pouco máis animados. Están superheroes, hai un cartel de Frozen, de Barbie, temos un pouco de todo... para intentar baixar os nervios cos que sempre veñen", di a enfermeira Melania Fraga.

En Galicia a campaña da vacinación contra a gripe inclúe a poboación de entre seis e 59 meses, dende o ano pasado, cando algo máis da metade dos cativos foron inmunizados.

De luns a venres os nenos poden vacinarse nos centros de saúde e a vindeira fin de semana terán unha nova oportunidade para facelo na maioría dos hospitais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade