Xa non se pode pescar abadexo de Fisterra ata a fronteira con Francia
Xa non se pode pescar abadexo de Fisterra ata a fronteira con Francia
A cota desta especie está a piques de esgotarse
Aínda se pode capturar no resto da costa atlántica galega
Os barcos de litoral xa non poden pescar abadexo de Fisterra ata a fronteira con Francia. É unha medida precautoria que tomou a Dirección Xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura porque considera que a cota desta especie está a piques de esgotarse.
"Afrontamos esta medida con preocupación porque o abadexo en portos pequenos como o de Malpica, Laxe ou Corme representa o trinta ou o corenta por cento dos ingresos anuais", explica Fran Varela, o secretario da confraría de Malpica.
Unha medida que, segundo os mariñeiros, chega case un mes antes que o ano pasado e cando xa comezaron as compras anticipadas para as festas do Nadal.
"É que son datas importantes porque polo Nadal podemos chegar a salvar a campaña", manifesta Varela.
Segundo os datos de PescadeGalicia, polo momento comercializáronse 258 toneladas de abadexo que, en primeira venda, xeraron case dous millóns de euros.
"Levamos dous anos pedindo que nos escoiten. Ata propuxemos que puxeran a cota por trimestres", di o secretario da confraría.
Con todo, nos nosos mercados seguirá habendo abadexo, porque aínda se pode capturar no resto da costa atlántica galega.