A RAG ponlles o ramo ás Letras de Delgado Gurriarán cun simposio
A RAG ponlles o ramo ás Letras de Delgado Gurriarán cun simposio
O encontro desenvolverase os xoves 3 e 10 de novembro na Coruña
Abordaranse a literatura, a lingua e o activismo do homenaxeado nas Letras de 2022
Presentarase un libro con entrevistas a Delgado Gurriarán e á súa dona Celia Teijeiro
A Real Academia Galega celebra o Simposio Florencio Delgado Gurriarán os días 3 e 10 de novembro para afondar en diferentes aspectos da vida e obra do homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.
Na primeira xornada participarán no encontro o académico Xesús Alonso Montero, a directora do proxecto As Letras de Florencio Débora Álvarez Moldes ou a filóloga Concepción Álvarez Pousa.
Tamén intervirá Ricardo Gurriarán, familiar e biógrafo do poeta de Valdeorras, para presentar o libro Co anceio de volver. Conversas con Florencio Delgado Gurriarán, que reúne a entrevista que lle realizou a antropóloga Dolors Pla en 1979 e unha conversa do propio Ricardo Gurriarán con Celia Teijeiro, a esposa do poeta.
Na tarde do 10 de novembro, abordarase a pegada que deixaron en Delgado Gurriarán a guerra civil e o exilio en México, onde residiu ata a súa morte, coas intervencións de Xosé Luís Pastoriza e Pilar Cagiao, entre outros.
O músico e investigador Samuel Diz pechará o simposio cunha actuación que incluirá composicións de varios músicos exiliados en México.
As traducións de Delgado Gurriarán e a súa correspondencia con Rodolfo Prada e Ramón Otero Pedrayo serán dous dos aspectos novidosos que se aborden no simposio, como explicaron na Radio Galega o catedrático da Uvigo Xosé Manuel Dasilva e o académico correspondente Ramón Nicolás.