Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Doutor Google' e baixas médicas: o cóctel que dispara as agresións a sanitarios

'Doutor Google' e baixas médicas: o cóctel que dispara as agresións a sanitarios

406 denuncias, 106 detidos e máis de 10.000 intervencións policiais en centros sanitarios e domicilios en 2024, segundo a Policía 

Algúns destes episodios prodúcense porque o facultativo "non lles dá a baixa"

G24.gal 25/02/2025 12:12

En 2024 a Policía Nacional tramitou 406 denuncias de agresións a profesionais sanitarios, o que supón un 28,8 % máis que as rexistradas en 2023, das que sete de cada dez foron ameazas.

Segundo un informe feito público polo comisario xeral de Seguridade Cidadá, Juan Carlos Castro Estévez, e o interlocutor policial sanitario, Manuel Yanguas Menéndez, no pasado exercicio contabilizáronse 106 detidos e máis de 10.000 intervencións policiais, tanto en centros sanitarios (3.000) como en atencións domiciliarias (7.000).

Dende as forzas de seguridade aseguran que o 'doutor Google' fai estragos, e está detrás dalgunhas das 400 denuncias tramitadas o ano pasado en España. Case sempre, o ataque físico ou verbal por parte do agresor ten unha raíz similar, sexa porque o médico non pode darlle unha receita ou porque o diagnóstico que o paciente cre ter porque o viu en Internet non é o que lle di o doutor.

"Co 'doutor Google' veñen moitos problemas, tamén porque non lles dan unha baixa", detallou o interlocutor policial que considera que hai agresións relacionadas con esperas ou atrasos.

No 62 por cento dos casos, as vítimas adoitan ser mulleres de entre 36 e 55 anos; os agresores son maioritariamente homes, un 71 %, co mesmo rango de idade que as vítimas e na maioría dos casos son pacientes que non reinciden no seu ataque.

Os responsables policiais sinalan que, aínda que se rexistraron máis denuncias por agresións a sanitarios o pasado ano, a análise policial constata que non se trata dun dato tan negativo pois "están a aflorar" ataques que antes non se denunciaban, o que demostra que a política de consentimento cero está a funcionar.

Durante 2024 reducíronse as agresións físicas e aumentaron as ameazas. Estas últimas supuxeron un 70 % do total e as físicas un 30 %.Os datos da Policía Nacional -406 denuncias- distan moito das 15.000 agresións anuais que computa a Organización Médica Colexial, aínda que os responsables policiais explican que ambas as cifras son certas.

A diferenza radica en que un profesional pon en coñecemento do seu centro sanitario unha agresión sexa un insulto ou unha puñada, pero non necesariamente acode a unha comisaria para denuncialo.

Castro destacou que 57 policías nacionais exercen como interlocutores policiais sanitarios en todo o territorio nacional, e que máis de 40.000 profesionais recibiron instrución impartida pola Policía en técnicas e ferramentas preventivas ante agresións, tanto en forma presencial como en liña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade