Publicador de contidos
Publicador de contidos

"É moito máis importante ser presidente da comunidade que do partido, e primeiro vai o importante"

"É moito máis importante ser presidente da comunidade que do partido, e primeiro vai o importante"

Alberto Núñez Feijóo confirma que a sucesión na presidencia da Xunta se producirá antes que na do PPdeG

Alberto Núñez Feijóo acudiu este luns ao Porriño (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 18/04/2022 11:59

O presidente da Xunta e do PP, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este luns que o proceso de elección dun novo presidente galego se producirá antes de que o PPdeG celebre o congreso no que vai elixir o seu novo líder.

"É moito máis importante ser presidente da comunidade autónoma, que ser presidente dun partido. Polo tanto, primeiro, o importante: o presidente da Xunta. E despois, o segundo importante, que é ser presidente do partido que sustenta o presidente da Xunta", dixo Feijóo durante un acto no Porriño.

O presidente galego non ocultou a súa satisfacción sobre como marchan os dous procesos sucesorios, e cualificou como "reacción responsable do Partido Popular de Galicia". "E espero", concluíu, "que no mes de maio teñamos, en primeiro lugar, un novo presidente da comunidade autónoma e, en segundo lugar, un presidente do PPdeG". "Por esa orde", insistiu.

xunta directiva do PPdeG reúnese este luns co obxectivo de convocar o congreso do que sairá o sucesor de Alberto Núñez Feijóo como presidente do partido en Galicia.

Estes pasos para a remuda de Feijóo revelan, segundo o PP de Galicia, que o partido está unido e todos se comportan con responsabilidade. O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegurou este luns que a intención do seu grupo é que o proceso de sucesión sexa "o máis breve posible" de maneira que o período de Goberno en funcións pode ser mesmo inferior a dúas semanas.

Desde filas socialistas cren que este proceso a unha loita interna entre baróns e que Alfonso Rueda será un líder transitorio

"As expectativas non son boas, porque imos seguir sufrindo o mesmo tipo de políticas", declarou Luís Álvarez, voceiro do PSdeG no Parlamento, onde resumiu a etapa dos populares na Administración galega cunha frase: "Máis débeda pública e menos servizos públicos".

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que a previsible elección do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, á fronte do Goberno galego supón un “continuísmo puro e duro” dun Executivo que “deixa unha Galicia que vai a menos”.

Pontón criticou que o PP non aproveite para cambiar verdadeiramente as políticas na Xunta despois de trece anos nos que Galicia foi “a menos” en poboación, industria e servizos públicos e nos que “no único que creceu foi en débeda, emigración, recortes e desigualdade social”.

Proposta de rebaixa de impostos

Por outro lado, nese mesmo acto no Porriño, no que Alberto Núñez Feijóo falaba sobre o seu proceso de remuda, en clave española, volveu insistir na proposta do PP de rebaixar os impostos. Asegurou que non tomar esta medida supón falta de empatía coas rendas baixas e medias é "non ter corazón".

"Cun 10 % de inflación, un presidente de Goberno que non baixe os impostos, é que non ten corazón, é que non lle interesan as xentes con dificultades para chegar a fin de mes", afirmou Feijóo, que dixo que mañá se reunirá cos axentes sociais para facerlles chegar a proposta do PP para reducir os impostos e que ao longo desta semana lla fará chegar ao Goberno.

Núñez Feijóo xustificou a súa ausencia da toma de posesión do presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, por problemas de axenda. “Neste momento teño un dobre compromiso. Son presidente da Xunta de Galicia e son presidente nacional do PP. Iso significa que teño que compatibilizar unha axenda institucional cunha axenda de partido, e estas cousas, evidentemente non son fáciles”, dixo.

Ademais, e respecto ao caso das comisións pola compra de material sanitario no Concello de Madrid, dixo que "non teño ningunha dúbida sobre a honestidade dos meus compañeiros".

O recentemente elixido líder do PP cualificou de sarcasmo que o Goberno de España e Pedro Sánchez, pretendan dar "leccións de honorabilidade". “Non sei moi ben a que se refire o presidente, porque si non recordo mal ten a catro altos cargos do Goberno imputados, prestando declaración nos xulgados pola compra de material sanitario durante a pandemia. A un alto cargo do Ministerio de Facenda e a tres do Ministerio de Sanidade”, dixo Feijóo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade