"Frontal oposición" da patronal á reforma das pensións presentada polo Goberno
"Frontal oposición" da patronal á reforma das pensións presentada polo Goberno
A patronal mostrou este venres a súa "frontal oposición" á reforma do sistema de pensións que o Goberno presentou aos axentes sociais, ao considerala "regresiva" e "populista".
Nun comunicado conxunto de CEOE, Cepyme e ATA, a patronal carga contra unha reforma que minguará os salarios e incrementará os custos laborais, o que afectará o emprego á vez que "pon en serio risco ás pequenas empresas e autónomos".
A reforma exposta polo Goberno ofrece aos pensionistas a posibilidade de elixir entre o período de cómputo actual (25 anos) ou amplialo (a 29 anos, quitando dous), á vez que introduce unha cota de solidariedade nas cotizacións dos soldos máis altos e duplica o mecanismo de equidade interxeracional (MEI).
Para a patronal, esta reforma fai recaer nos traballadores e empresas "unha suba xeneralizada de cotizacións" que poñerá en risco a creación de emprego e en "serio perigo" a pemes e autónomos, que teñen menor "músculo financeiro" para facer fronte a custos crecentes.
Ademais, considera "regresiva" a medida porque "implica máis anos de traballo, máis esforzo contributivo e menos pensión", o que abunda na "voracidade recadatoria do Goberno", que ademais "socavará o esforzo das empresas nas negociacións salariais, xa que os traballadores, con maior carga polo lado das súas cotizacións, verán absorbidos parte dos incrementos na súa retribución".
A patronal afeou ademais que o Goberno presentase a reforma "sen o necesario debate e diálogo social" e sen pasar polo Pacto de Toledo, o que ao seu xuízo supón "unha cesión de soberanía sen precedentes" a Europa.
De feito, apunta, non se lles facilitou a proposta antes da reunión deste venres que si viu " reflectida hoxe nos medios de comunicación".