'Luar' celebra 30 anos como programa máis lonxevo da televisión en España
'Luar' celebra 30 anos como programa máis lonxevo da televisión en España
Un cento de profesionais fan posible que o programa se emita en directo na noite dos venres
Ao longo destas tres décadas enxalzouse a música, o humor e a tradición galegas
Televisión de Galicia celebra este venres o 30 aniversario de ‘Luar’, espazo que se emite ininterrompidamente desde setembro de 1992 e que é o programa de entretemento máis veterano da televisión española.
Con Xosé Ramón Gayoso á fronte do programa desde a primeira emisión, o especial desta semana festexará os 30 anos lembrando as actuacións de grandes figuras da música e do entretemento.
Un cento de profesionais conforman o equipo de Luar
Arredor dun cento de profesionais fan posible cada semana a emisión os venres en directo. Música, baile, cultura popular e moito humor conforman a clave do programa que presenta, desde 1992, Xosé Ramón Gayoso (A Coruña,1956) e dirixen o realizador galego Teo Manuel Abad e o propio Gayoso. O programa precisa cada semana unha inxente labor de produción e organización de contidos e artistas.
O 30 de setembro de 1992 emitíase o primeiro ‘Luar’ desde a discoteca Dona Dana de Touro, con 1.200 persoas como público. Desde entón, o que tamén é o programa musical máis lonxevo da televisión en España segue a ser a cita agardada de cada venres, no prime time da canle pública galega.
A presenza do público no estudio e a participación dos espectadores desde as casas, por teléfono e redes sociais, forma parte do seu éxito: non se entende un ‘Luar’ sen a participación da audiencia, tanto de Galicia como da comunidade galega emigrada que foi sempre moi fiel ao espazo desde os seus inicios.
‘Luar’ foi e segue a ser un espazo para o novo talento musical e de humor galegos, no que hai que salientar o trampolín que supón para o sector das orquestras e a música popular galega. Proba disto son os concursos ‘Canteira de cantareiros’ ou ‘Recantos’, que cada ano descobre novos talentos.
Os coñecidos dúos cómicos Os Tonechos, Mucha e Nucha (Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán) ou o actor Luís Zahera, entre moitos outros, creceron profesionalmente neste espazo, que foi imprescindible tamén para moitas outras formacións actuais, como as Tanxugueiras, cuxa primeira actuación no ‘Luar’ foi en 2017.
30 anos de historia da televisión
A audiencia de ‘Luar’ sempre está por riba dos dous díxitos, un fito moi complicado e relevante nunha faixa de tal competencia como o prime time do venres pola noite.
Antes da existencia das plataformas dixitais e mesmo nos comezos do espazo nos anos 90, ‘Luar’ chegou a cotas que superaban folgadamente o 40 %.
Durante a pandemia da covid, o programa quedou sen público, con distancias, sen actuacións musicais multitudinarias, pero a CRTVG considerou fundamental seguir emitíndoo. ‘Luar’ seguiu acompañando e entretendo a audiencia durante e despois do confinamento, sempre coa máxima seguridade para os traballadores da produción.
Recoñecementos
‘Luar’ e o seu presentador, Xosé Ramón Gayoso, obtiveron durante estes anos o recoñecemento do sector audiovisual, gañando ademais diferentes premios dentro e fóra de Galicia.
X. R. Gayoso foi distinguido en 2017 coa Medalla Castelao da Xunta de Galicia, en recoñecemento á súa traxectoria na difusión e posta en valor da cultura de Galicia desde o programa. Ese mesmo ano recibiu tamén o Premio Rebulir da Cultura Galega.
En 2013, gañou o Premio Iris da Academia de las Ciencias y las Artes de la Televisión como mellor presentador de programas autonómicos. E foi elixido nos Premios Mestre Mateo como Mellor Comunicador de Televisión nos anos 2002 e 2013.