Publicador de contidos
Publicador de contidos

"O sorteo con máis raigame social", por Maite Cancelo

OPINIÓN

"O sorteo con máis raigame social", por Maite Cancelo

G24.gal 22/12/2023 08:18

Hoxe é o gran sorteo de lotería máis esperado do ano e que forma parte das nosas tradicións do Nadal: o Gordo de Nadal. Ata os máis reticentes con relación ao xogo compartimos décimos nas nosas contornas máis próximas e deixámonos levar pola maxia.

Nun intre veremos como a prensa recollerá a alegría dos premiados, que o festexarán con champaña, espumosos galegos ou mesmo cava, sexa cal fora a súa participación neste sorteo, que non é o máis millonario, pero se o máis popular.

Cun décimo de 20 euros o Gordo daríanos 400.000 euros e que, a pesar da retención de Facenda, supón un bo belisco, polo menos, para liberarnos dalgunhas cargas financeiras. Algúns estudos, de feito, sinalan que case a metade dos premiados dedican estes cartos para pagar as súas débedas.

Pero se nos toca, manteñamos a alegría inicial pero non perdamos a cabeza, sentidiño ante todo. Non nos vai quitar de traballar, a non ser que xa esteamos no ciclo superior da nosa carreira laboral e que, mesmo, nese caso, o ideal sería darnos unha alegría, cancelar débedas (que coa subida de tipos seguro que se agradece) e tratar de buscar algún asesoramento profesional para investir ese diñeiro e que nos siga dando uns rendementos nos seguintes anos. Iso si, outra vez o sentidiño, equilibrar a rendibilidade co risco é unha das claves para non quedarnos sen este patrimonio recentemente adquirido.

Ademais, ao comprar lotería de nadal estamos a contribuír ás arcas do Estado xa que, non o vemos como un imposto e, por iso, pagámolo con máis alegría pero os ingresos do Estado sempre se van beneficiar, en función dos décimos que se vendan e dos décimos premiados. Así, o importe dos décimos premiados pero que non foron vendidos quédalle o Estado. E os vendidos tributan e estamos a falar dunha recadación de 123,8 millóns de euros co Gordo, 29,2 co segundo premio e 3,4 co terceiro. Ao final, o Estado é o que sempre gaña, pero os que xogamos neste sorteo, polo menos, tamén gañamos coa ilusión de que nos toque.

Por outra banda, non esquezamos que o lema, cada ano, da campaña de Nadal de Loterías e apostas do Estado é “o mellor premio é compartilo” pero non nos esquezamos de que o que recibe o premio é o depositario do décimo, polo que é esta a persoa que terá que facer fronte ao pago dos impostos correspondentes. Por iso, a mellor opción é abrir unha conta común entre os agraciados ao premio e logo repartir a parte proporcional a todos os agraciados. A OCU mesmo recomenda crear un grupo de WhatsApp cos participantes, para poder xustificar o décimo compartido, para que quede claro que non é unha doazón. Lembremos que Facenda nos fará unha retención do 20 % do que exceda do mínimo de 40.000 euros por décimo.

Iso si, ademais de recomendacións e pago de tributos está claro que é o gran sorteo do ano, con diferenza, e que, se o premio está moi repartido, levará moita alegría e aliviará as cargas de moitos fogares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade