Publicador de contidos
Publicador de contidos

Preacordo para o aumento salarial, por María Bastida

Preacordo para o aumento salarial, por María Bastida

G24.gal 08/05/2023 09:15

A piques de empezar a fin de semana, tivemos coñecemento dun preacordo entre a patronal e os sindicatos para subir salarios no Estado. Segundo este, os axentes sociais maioritarios acordan unha recomendación de aumento salarial dun 10 % no próximos tres anos, repartidos nun incremento algo superior en 2023 (4 %) e do 3 % para 2024 e 2025, respectivamente. Ademais, acordouse tamén incluír unha cláusula de revisión cun incrementos de ata o 1 % adicional no caso de que a inflación supere a contía de aumento acordada.

Cabe destacar que se trata dun preacordo (é dicir, que aínda hai marxe de cambio) e ademais o que se pactou é unha recomendación, recoñecendo desta forma a heteroxeneidade de condicións entre os distintos sectores, áreas de actividade e empresas do noso tecido económico e empresarial.

En realidade, o que é obxecto de negociación é o Acordo Estatal de Negociación Colectiva (AENC), que senta as directrices de negociación dos convenios colectivos no país. Isto dá unha idea da importancia do consenso alcanzado, pois un 62 % dos asalariados en España están empregados ao amparo dun convenio colectivo, así que serán obxecto deste acordo.

Nel abórdanse cuestións salariais, pero tamén outras como a xornada, os contratos ou materias de igualdade. Con todo, o maior punto de presión adoita ser o marco salarial, polo que o preacordo alcanzado é unha boa noticia que suxire que as relacións entre a patronal e as organizacións sindicais retoman a senda da normalidade. Ademais, supón dalgunha forma frear, aínda que sexa parcialmente, o traslado da inflación aos salarios, coa consecuente chegada dos temidos efectos de segunda rolda, algo que tamén é de agradecer.

No marco desta negociación, deben destacarse as cesións de ambas as partes. Por unha banda, unha das principais reivindicacións das organizacións sindicais era a subida retroactiva dos salarios do ano 2022, que pechou cunha inflación media superior ao 8 %.

Por outra, tamén esixían asociar as subidas aos prezos, que non aceptaba a patronal. Finalmente, a discusión sobre o ano 22 déixase para cada convenio, mentres que os empresarios terminaron aceptando un acordo salarial cunha cláusula de revisión ligada exclusivamente aos prezos.

En definitiva, soamente cabe esperar que ao longo da mañá de hoxe se ratifique o acordo e se poña fin a unha inestabilidade na que ninguén se sentía cómodo. E, xa postos, que os políticos aprendan algo de negociación, de cesións e, por suposto, de acordos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade