Rey Beemer Yuri proclámase a mellor vaca leiteira de Galicia por cuarto ano consecutivo
Rey Beemer Yuri proclámase a mellor vaca leiteira de Galicia por cuarto ano consecutivo
Santa Comba acolleu o XXXII Concurso autonómico da raza frisoa FEFRIGA 2024 do 23 ao 25 de febreiro
Participaron máis de 80 animais de 17 ganderías da Coruña, Lugo e Pontevedra
A SAT Rei de Miñotelo (A Pastoriza) foi a gran triunfadora do concurso, facéndose cos campionatos de xovencas e vacas e os títulos de mellor criador de Galicia
O edificio multiúsos de Santa Comba acolleu do 23 ao 25 de febreiro o XXXII Concurso Autonómico da Raza Frisoa FEFRIGA 2024, onde se escollen as mellores vacas leiteiras de Galicia. Nesta edición participaron 17 ganderías da Coruña, Lugo e Pontevedra, que presentaron algo máis de 80 animais aos concursos. Como destacou Manuel Sandamil, presidente da Federación Frisoa Galega (FEFRIGA), "este concurso é a mellor maneira de amosarlle á sociedade o traballo que facemos nas granxas de leite por mellorar, e é un orgullo que ano tras ano sexa un éxito de participación, tanto de gandeiros como de público".
A decisión de escoller as mellores foi do gandeiro catalán Pol Collell, xuíz internacional da Confederación Nacional de Frisoa Española (CONAFE) desde hai 19 anos, que destacou a calidade dos animais presentados: "Vexo un nivel moi alto, como era de esperar en Galicia, onde os animais das primeiras posicións poderían competir en calquera concurso español ou europeo".
A mañá do sábado 24 celebráronse as seccións das máis pequenas, as xatas e as xovencas, e xa desde o primeiro momento destacou a gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, obtendo o campionato de xatas, con Rey 1217 Haxl Amara. Como subcampioa quedou Asunción King Doc Chanel, da granxa Asunción, de Touro.
Na categoría das xovencas o subcampionato foi para Casa Nova Motomami Mister Happy, da gandería Carro de Mesía. Rey de Miñotelo volvía repetir campionato con Rey 1174 Thunderstorm Holy, que finalmente tamén sería proclamada como a Gran Campioa de xatas e xovencas FEFRIGA 2024.
Xa pola tarde foi a quenda das vacas en lactación, e de novo Rey de Miñotelo amosaba o bo estado de forma dos seus animais obtendo o campionato de vacas novas con Rey 1066 Chief Bruna. O subcampionato foi para Casanova Galir Denver, da gandería Carro de Mesía.
Na categoría de vacas intermedias a subcampioa foi Asunción Mogul Promesa, da granxa Asunción de Touro, mentres que a campioa foi Vilarmor Cayenne Nanci, da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade, para alegría do seu propietario, Abel Carballo: "Esta vaca veu da provincia da Coruña, da gandería Vilarmor. Antes de parir veu para a miña explotación e alí empezámola a preparar para os concursos. Leva xa dous partos e estamos moi contentos con el”.
Na categoría das máis veteranas, as vacas de cinco anos ou máis, Rey de Miñotelo se fixo co subcampionato con Rey 719 Rivisy Elude, mentres que a campioa foi Rei 814 Beemer Yuri, a vaca máis galardoada desta granxa, como destacou Alberto Iglesia, da SAT Rei de Miñotelo: "Hoxe volvemos conseguir que sexa a vaca adulta campioa de Galicia e volvemos estar na pelexa por ser a mellor vaca de Galicia, que xa gañou os tres últimos anos".
Os prognósticos de Alberto Iglesia cumpríronse e de entre as tres campioas, vaca nova, vaca intermedia e vaca adulta, o xuíz Pol Collell escolleu finalmente a Rei 814 Beemer Yuri como a vaca Gran Campioa de Galicia 2024: “É unha vaca esaxeradamente boa, que a todos nos gusta, a todos os xuíces e a todos os gandeiros, e que se asemella moito ao prototipo da vaca leiteira ideal”. Alberto Iglesia, da gandería SAT Rey de Miñotelo (A Pastoriza), quixo agradecer este premio “a toda a xente que estivo traballando comigo durante o concurso e a toda a xente que traballa os 365 días na nosa granxa, pelexando para que este éxito sexa posible, porque isto é o traballo de moita xente".
Con este título Rey 814 Beemer Yuri proclámase por cuarto ano consecutivo como a vaca gran campioa de Galicia, consagrándose así como a vaca máis laureada da nosa comunidade.