Vinte anos de activismo cultural contra a catástrofe do Prestige
Vinte anos de activismo cultural contra a catástrofe do Prestige
Iniciativas escénicas, audiovisuais e literarias actualizan a memoria colectiva da marea negra
A cultura galega activouse como nunca en resposta á catástrofe do Prestige, organizada a través das plataformas Nunca Máis e Burla Negra.
Protestas en forma de performance, concertos expansivos, imaxes xa icónicas, manifestos ou poemas formaron parte dos centos de accións creativas impulsadas tralo accidente polo activismo cultural, ecolóxico e social.
Vinte anos despois, diferentes propostas culturais recuperan e actualizan a memoria colectiva do Prestige.
A compañía Chévere volve levar aos escenarios o seu espectáculo 'Nevermore', con funcións durante o mes de novembro en Santiago, Vimianzo e A Coruña.
A asociación Unha Grande Burla Negra reactiva a memoria de Nunca Máis cun glosario colectivo en liña ou o proxecto 'Las cartas sobre la mesa', que pode visitarse en Madrid, na biblioteca do museo Reina Sofía. A asociación prepara ademais unha mostra en Galicia para 2023.
Pola súa banda, a plataforma Nunca Máis estrea este domingo en Pontevedra o documental '20 anos de dignidade' e a editorial Galaxia publica, entre outras obras, o volume colectivo 'Prestige, 20 anos 20 voces', con textos de vinte escritores e escritoras sobre a catástrofe.
O Diario Cultural da Radio Galega revisou a memoria cultural do Prestige en conversa coa música Uxía Senlle, con Xesús Ron, do grupo teatral Chévere, e coa participación doutras voces da cultura como Marilar Aleixandre, Carlos Portela, Pepe Barro, Marcos Nine ou María Bella.