A moción de censura, abocada ao fracaso, retómase este mércores
A moción de censura, abocada ao fracaso, retómase este mércores
A sesión abrirase coas intervencións da portavoz parlamentaria do PP Cuca Gamarra e do portavoz do PSOE Patxi López
A primeira xornada rematou tras once horas de debate
A primeira xornada de debate da moción de censura de Vox liderada polo economista Ramón Tamames como candidato finalizou tras once horas e once minutos de debate e retomarase este mércores. Ramón Tamames permaneceu sentado no escano do líder de Vox Santiago Abascal e escoitou atentamente as intervencións do presidente do Goberno Pedro Sánchez, da súa vicepresidenta segunda Yolanda Díaz e da maioría dos portavoces parlamentarios.
Con todo, o profesor, que cumpre 90 anos en novembro, só replicou a Sánchez e moi brevemente a Díaz para instalos a que seleccionen os seus temas e non se prodiguen en longos discursos, que, na súa opinión, son electoralistas. De feito Tamames foi moi explícito cando replicou á vicepresidenta segunda para criticarlle que utilizase o seu tempo para expoñer o seu proxecto político, Sumar.
Na primeira parte do debate e durante case tres horas o presidente de Vox Santiago Abascal e o xefe do Executivo acusáronse de levar o país á división, ao odio e á ruína. Abascal pediu eleccións xerais anticipadas, apoiado posteriormente polo seu candidato, que sostivo que debería prosperar a moción para que se adianten os comicios antes de decembro. O líder de Vox tamén instou o PP a votaren xuntos e esquecer rifas.
Tamames recibiu as críticas da maioría dos grupos parlamentarios, só Vox, Cs e Foro Asturias valoraron o esforzo do candidato por tentar desaloxar a Sánchez da Moncloa.
Críticas do BNG ao Goberno e a Vox
Na súa intevención, Néstor Rego advertiu que o BNG seguirá "combatendo con absoluta firmeza as políticas de odio" do partido que lidera Abascal. Con todo, o deputado nacionalista criticou o Goberno e reclamoulle a Sánchez que "rectifique nos seus compromisos se non quere a censura das urnas".
Unidas Podemos e os socios de investidura de Sánchez pecharon filas ao redor da política do Goberno de coalición e lamentaron que Tamames se unise á ultradereita e nin tan sequera lles respondese na súa quenda de réplica.
Podemos acusa a Vox de ser "veleno para a democracia"
A deputada Lucía Muñoz reprochoulle a Abascal que deixase só no hemiciclo o candidato da moción de censura. Dixo ser sabedora de que a única intención da moción era a de desgastar o Goberno e acusou a Vox de ser "veleno para a democracia".
ERC intenta "desmontar a imaxe de patriotas preocupados de Vox"
Gabriel Rufián na súa quenda enumerou todas as medidas progresistas aprobadas nos últimos meses polo Goberno e contra as que votou Vox. O portavoz de ERC no Congreso quixo, desta maneira, "desmontar a imaxe de patriotas preocupados dos integrantes de Vox".
Rufián reservou tamén unha advertencia para o Goberno de coalición, que, dixo, "acumula motivos para ser censurado". Alertou o Executivo de que "non o botará a moción pero si a inflación". E a Unidas Podemos recomendoulles que "comecen a pensar na xente que están decepcionando".