Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trece millóns de euros de indemnización por neglixencia médica nun parto en Santiago

Trece millóns de euros de indemnización por neglixencia médica nun parto en Santiago

Un xulgado de Santiago condena unha aseguradora a pagar esta cantidade a unha familia despois de que o bebé sufrira "severos danos ao nacer por mala praxe"

É a indemnización máis alta concedida ata agora en España por un caso desta natureza

G24.gal 02/05/2024 11:21

O Xulgado de Primeira Instancia número un de Santiago de Compostela condenou unha aseguradora, Segurcaixa Adeslas, a pagar case 13 millóns de euros, incluídos xuros, a unha familia por "neglixencia médica" nun parto.

Así o informa o avogado Cipriano Castreje, que levou o caso, e así o recolle a sentenza, despois de que o bebé sufrira "severos danos ao nacer por mala praxe", recalcou o letrado. En declaracións a Europa Press, criticou o posicionamento da aseguradora tras este ditame, e outros tres anteriores, un para recoñecer ao neno unha discapacidade do 100 %. "Non consignou un só euro desde o nacemento do bebé", reprocha para lembrar que cada día se devindican en xuros outros "2.958 euros".

Os feitos remóntanse a 2015, cando a nai acudiu a dar a luz ao hospital privado Rosaleda de Santiago de Compostela onde, tras fracasar a indución ao parto e o intento de parto natural, "seguido dun atraso na intervención cirúrxica necesaria", remarca o letrado tras o contido do ditame, produciuse "unha hipoxia intraparto".

"A pesar de que o rexistro cardiotocográfico avisaba da hipoxia, e nalgúns momentos chegou a ser ominoso, non se tivo en conta", sinalou o avogado, que engadiu que, "como consecuencia do atraso na práctica dunha cesárea que estaba indicada desde moito antes, o neno naceu con parálise cerebral espástica, cegueira absoluta, epilepsia, xordomudez, atraso mental e múltiples discapacidades severas".

Isto, expón Castreje, "levou a unha discapacidade recoñecida do 100 % por outra sentenza do Xulgado do Social número dous de Santiago de Compostela, que revogou a decisión administrativa de conceder, inicialmente, unha discapacidade do 67 %".

O letrado sinala que a aseguradora coñeceu "a neglixencia médica" desde o momento en que ocorreron os feitos; por iso a súa "inacción" "non está xustificada".

A indemnización, duns 13 millóns de euros, "é a máis alta concedida ata a data en España por un caso desta natureza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade