Quince anos despois do crime de Marta del Castillo, a policía revisa os datos do móbil de Carcaño
Quince anos despois do crime de Marta del Castillo, a policía revisa os datos do móbil de Carcaño
Unha empresa copiou a tarxeta do móbil de Carcaño para revisar de xeito máis preciso as localizacións
Os primeiros datos extraídos poderían corroborar a última versión do condenado polo asasinato de Marta del Castillo
A investigación é só para tentar localizar os restos da moza sevillana
Ás portas de facérense quince anos da morte de Marta del Castillo, a nova tecnoloxía de informática forense pode botar algo de luz sobre o paradoiro dos restos da moza sevillana, da que non se volveu saber máis dende as cinco e media da tarde do 24 de xaneiro de 2009, cando Miguel Carcaño a recolleu na moto no portal da súa casa.
O grupo de homicidios da Policía Nacional analiza un novo informe elaborado por peritos, entregado ao xulgado en decembro. Fixérono tras analizar a tarxeta copiada do teléfono móbil que lle interviñeron no cárcere a Miguel Carcaño. Nel recóllense novas posicións, datos dos movementos que efectuou o día do crime o único condenado polo asasinato da rapaza.
Entre eles, o Diario de Sevilla sinala que estaría nunha localización que coincidiría coa última versión que deu Carcaño dos feitos, a sétima, a que mantén dende 2013, na que lle bota a culpa da morte de Marta a seu irmán e na que di que se desfixeron do cadáver nun terreo da localidade de La Rinconada.
Co que se extraia da voluminosa documentación que se analiza, a policía podería realizar novas inspeccións sobre o terreo.