O avó de Marta del Castillo fai o Camiño de Santiago
O avó de Marta del Castillo fai o Camiño de Santiago
Pide xustiza e medios para poder atopar o corpo de Marta
José Antonio Casanueva recibe o apoio doutros peregrinos
Mentres collen forzas para iniciar a ruta xacobea, comezan xa os agarimos. Quen recoñece a José Antonio Casanueva non pode evitar abrazalo. O avó de Marta del Castillo peregrina cara a Santiago en homenaxe á súa neta.
"Xa fai uns anos que fixen a promesa de que se non aparecía o corpo de Marta llo pediría ao apóstolo. Era a miña primeira neta e é un golpe moi duro", explica José Antonio Casanueva, avó de Marta del Castillo.
Na andaina non está só, camiña acompañado de fieis amigos e son constantes as paradas no Camiño para recibir o apoio doutros peregrinos.
"A onde vai José Antonio imos todos", recalca Manolo León, amigo de José Antonio Casanueva.
"Como a xustiza terrenal non nos da solucións imos pedir a xustiza divina", di Alfonso Camuñe, amigo de José Antonio Casanueva.
Fan un novo chamamento para que a Xustiza interveña no caso e non quede no esquecemento.
"A xustiza podía facer que dunha vez apareza o corpo de Marta clonando os teléfonos dos que a mataron", explica José Luis Reina, amigo de José Antonio Casanueva.
Quince anos despois, o corpo da moza sevillana segue sen aparecer e din que só queren poder enterrala en paz.
"Queremos pechar este capitulo xa porque está matando a toda a familia", sinala José Antonio Casanueva, avó de Marta del Castillo.
Nin sequera os seus 87 anos frean a loita incansable deste avó. Agora o destino é Compostela, pero a súa meta final é outra.