Unhas 17 creadoras resignifican a arte das fibras
Unhas 17 creadoras resignifican a arte das fibras
A mostra pódese ver no espazo Cubo de Vigo ata o 25 de marzo
Desde os anos setenta do século vinte, a arte téxtil ou a arte da fibra propón novos significados relacionados coa feminidade, a artesanía e a cultura. Unha exposición que se pode visitar en Vigo permite comprobar a vixencia deste eido na arte contemporánea.
Dezasete artistas, fundamentalmente de Galicia e de Cataluña, exploran todas as posibilidades creativas da agulla, do fío e dos tecidos desde puntos de vista poéticos e políticos, pero tamén desde a perspectiva do xogo.
A Penélope da Odisea que destecía pola noite o que tecía de día para non rematar nunca o labor e evitar así un matrimonio indesexado non está soa. Case trinta séculos despois, a arte contemporánea continúa convidando a repensar nas súas obras os significados da produción con fibras alén do fogar e da artesanía.
O artista plástico e coordinador do espazo multidisciplinar Cubo, Alfons Freire, reuniu para a ocasión pezas de dezasete artistas, na súa maioría, de Galicia e de Cataluña que empregan o bordado, a costura e os tecidos como medio de expresión.
O vindeiro 17 de marzo, algunhas das artistas participantes, entre as que figuran Mar Caldas, Ruth Lodeiro, Lola Marín ou María Magán, participarán nunha mesa redonda neste local en que tamén se presentará unha publicación dedicada á mostra.