19 de marzo: Día do Pai e dos Xosés
Malia non ser festivo en Galicia, hoxe é día de celebración en moitos fogares
Algúns acaban de estrear o cargo e outros xa son avós. Pero todos os pais do país están hoxe de parabéns. E moitos fillos xa teñen pensado como agradecerlles o esforzo.
"Eu quero moito o meu pai, escribinlle para dicirllo e na fin de semana agardo ir con el sachar na horta". "Eu regálolle un muíño de café, faille moita ilusión". "Eu merqueille unha moeda de Irán, porque colecciona".
O modelo de familia cambia e tamén a figura do pai, pero semella que a tradición do agasallo segue viva. Aínda que sexa tirando de retranca cos papás máis rosmóns.
"Nesta marca tiramos do humor. Aos nenos failles moita graza a camiseta que pon "Perigo: humor de pai", ou a de "Meu pai é moito", vense identificados", explica Noelia Turnes, dependenta no Rei Zintolo, en Santiago.
Tamén hai quen regala sorte, porque un pai millonario non é máis feliz. Pero algo axuda.
"Vendo o cupón extraordinario do Día do Pai, 17 millóns de euros son moito mellor agasallo ca unha gravata", di un vendedor da ONCE.
Pero se algo agradecen os pais, este e os 365 días do ano, é algo que non se pode mercar nas tendas:
"Tempo de calidade xuntos". "Pasar bos momentos xuntos, vémonos pouco". "O cariño, non só hoxe, todo o ano".