Máis de 20.000 persoas recibirán o Bono Coidado no Fogar a partir de xaneiro
Máis de 20.000 persoas recibirán o Bono Coidado no Fogar a partir de xaneiro
A axuda é de 416 euros mensuais e será automática para as persoas dependentes con prestación por coidados na familia
Máis de 20.000 dependentes recibirán de xeito automático, a partir de xaneiro, o Bono Coidado no Fogar, unha axuda de algo máis de 400 euros mensuais. Son os que xa teñen a prestación pola libranza no ámbito familiar. Noutros casos hai que xestionar o cambio a través dos servizos sociais.
Ana e Jordi teñen recoñecido o grao un de dependencia e ata agora recibían unha axuda para coidados na contorna familiar. Van ser uns dos 20.000 galegos que se van beneficiar do novo bono para o coidado familiar de forma automática a partir de xaneiro.
Este domingo reuníronse coa conselleira de Política Social para intercambiar impresións. Aproveitaron para reivindicar inclusión e empatía.
"Sinto que se interesan por isto cando chegan as eleccións e paréceme un pouco triste, porque se estamos encamiñados á igualdade, paréceme vergoñento que non esteamos en igualdade de verdade".
"Quixen estar nesta reunión porque me parece importante. Esta axuda vainos dar mellor calidade de vida. Antes cobraba 40 euros mensuais que non me cubrían nin a fisioterapia".
"A súa prestación vai pasar automaticamente a ser de 416 euros cada mes, 5.000 cada ano. Vana recibir xa agora, nesta nómina do mes de decembro, vana cobrar a primeira semana de xaneiro sen ter que facer ningún tipo de trámite".
Todas as persoas que perciben a prestación por coidados no ámbito familiar van recibir esta axuda de forma automática.
As que teñen a prestación polo servizo de axuda no fogar deberán solicitar o cambio nos servizos sociais do concello ou do centro de saúde. Tamén se aumentará en 100 euros mensuais a axuda do bono para coidados en residencias.