2023, Ano Picasso: A Coruña acollerá de marzo a xuño unha das exposicións programadas
2023, Ano Picasso: A Coruña acollerá de marzo a xuño unha das exposicións programadas
Conmemóranse os 50 anos do pasamento do xenial artista malagueño
A mostra coruñesa integrarana 155 pezas da súa etapa formativa en Belas Artes
Os reis presidiron esta tarde a apertura do Ano Picasso 2023 no Museo Raíña Sofía de Madrid como Presidentes de Honra da Comisión Nacional para a Conmemoración do 50 cabodano do artista. Canda eles, asistiron o presidente do Goberno e os ministros de Cultura de España e Francia.
Este outubro comeza a conmemoración con exposicións, congresos e actos diversos arredor da figura e da obra do pintor.
Entre as máis de 50 exposicións que haberá no mundo, unha delas estará tres meses na Escola de Belas Artes da Coruña.
Picasso branco, no recordo azul é o título da exposición que colocará Galicia no Ano Picasso no cincuentenario do seu pasamento.
Permanecerá tres meses no Museo de Belas Artes da Coruña e lembrará a súa primeira formación como artista nesta mesma escola entre 1891 e 1895, dos dez aos trece anos, etapa que sentou os alicerces do artista posterior. A Coruña será foco da celebración canda Málaga, Madrid, Barcelona, Nova York ou París.
"Poñer de manifesto a galeguidade e a vinculación coruñesa de Picasso nesa etapa formativa de case 4 anos que pasou na Coruña con máis de 115 pezas , entre elas, máis de 70 obras do pintor de diferentes museos e coleccións, algunhas que non estiveron nunca en España, elementos do período formativo do artista que incidiron despois na súa concepción estética" segundo adianta Anxo Lorenzo, Secretario xeral de Políticas Culturais.
Picasso aprendeu na Coruña a mirar a paisaxe de Santa Margarida, o Orzán e a Torre de Hércules e os temperáns retratos que o consagraron como artista nas súas primeiras exposicións na rúa Real como O home da gorra e A nena dos pés descalzos. Mesmo haberá unha peza moi significativa que procede dunha colección privada belga depositada no Museo Picasso de Málaga que inclúe unha gaita.
A exposición coruñesa será unha das 16 entre as 42 programadas en España máis as de Francia e outros países. A maiores, a cidade terá unha ampla programación de eventos. Marzo de 2023 marcará o inicio do Ano Picasso en Galicia.